A Xunta destinará 1 M€ ao mantemento da Rede de calidade do aire de Galicia ata o ano 2026

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar o servizo, que deberá garantir durante os vindeiros anos o bo funcionamento do equipamento técnico das 49 estacións de control de titularidade pública que hai na Comunidade
 

Galicia conta cun dos sistemas de control e vixilancia do aire máis avanzados de toda España, grazas a un proceso constante de renovación e optimización da súa rede

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2022 A Xunta destinará algo máis de 1 millón de euros nos próximos 4 anos ao mantemento e conservación dos equipos das estacións de titularidade pública da Rede da calidade do aire de Galicia (RCAG).

 

O contrato, licitado en xuño pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e que acaba de ser adxudicado, inclúe o mantemento de todo o equipamento integrante destas estacións, é dicir, as cabinas de medición, os analizadores automáticos e captadores manuais de control da calidade do aire, os elementos auxiliares (como bombas, aires acondicionados, etc.), os sonómetros e os paneis informativos.

 

Ademais, tamén comprende o mantemento preventivo e correctivo do sistema de adquisición e transmisión de datos da propia rede. Así, o adxudicatario debe garantir o correcto envío dos datos desde os analizadores ao centro de control seguindo os protocolos de comunicación e as instrucións técnicas empregados na rede. O servizo realizarase en todas as estacións de calidade do aire titularidade da Xunta, xa sexan móbiles ou fixas, rurais ou urbanas.

 

Un dos sistemas máis avanzados de España

Cómpre lembrar que a Xunta realiza un seguimento en tempo real das concentracións de contaminantes a través RCAG, que conta na actualidade con 49 estacións de control de titularidade pública —48 delas fixas e 1 móbil—, ademais doutras 33 privadas e 2 máis da Rede EMEP (Programa concertado de vixilancia e avaliación do transporte a longa distancia dos contaminantes atmosféricos en Europa).

 

Trátase, a día de hoxe, dun dos mellores sistemas de control e vixilancia de toda España, grazas a un continuo proceso de renovación e optimización polo que o Goberno galego ten previsto seguir apostando. De feito, a Consellería anunciou este verán que nos vindeiros anos investirá 1,7 millóns de euros no mantemento e actualización das instalacións que integran a rede, incluído o contrato que acaba de adxudicarse.

 

Os datos recollidos por esta rede determinan que Galicia mantén desde hai anos unha boa calidade do aire. De feito, co gallo do Día internacional contra o cambio climático, que se celebra cada 24 de outubro, cómpre lembrar que o obxectivo da Xunta é seguir mellorando a cobertura xeográfica dos datos de contaminantes e a información que subministra á cidadanía co fin de protexer a saúde da poboación galega.

 
De feito, o mes pasado a web de MeteoGalicia empezou a traballar cunha nova aplicación baseada en diferentes técnicas de intelixencia artificial e que permite mellorar a claridade dos datos que se transmiten a través do Índice de calidade do aire, acompañando as gráficas de textos descritivos xerados automaticamente e que facilitan ao cidadán a comprensión da información.

Imaxes relacionadas