A Xunta consolida o seu apoio ao asociacionismo local co investimento de 3 M€ en axudas a estes colectivos en 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou hoxe na celebración do Día do Veciño 2022, organizada pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo ‘Lucus Augusti’

O Goberno galego mantén o vindeiro ano o incremento do 20 % no presuposto do Plan específico de acción comunitaria, ademais de reforzar a colaboración coa Confederación Galega de Asociacións Veciñais

Lugo, 23 de outubro de 2022 A Xunta de Galicia consolida nos orzamentos de 2023 o apoio ao asociacionismo local con 3 millóns de euros destinados ao Plan específico de acción comunitaria, destinado a asociacións veciñais, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais. Confirmouno o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, na celebración do Día do Veciño 2022, organizada pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo ‘Lucus Augusti’ e na que tamén participaron a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

No acto, no que Diego Calvo resultou distinguido como Veciño Exemplar, o vicepresidente segundo incidiu na boa acollida da liña de axudas dirixida ao asociacionismo local creada en 2016 e na que se levan investidos preto de 16 millóns de euros para apoiar 1.345 proxectos. Segundo sinalou, a relevancia da medida levou a Xunta o pasado ano a reforzar a achega cun incremento dun 20 %, que se mantén este ano cos 3 millóns de euros presupostados.

Cómpre sinalar que só neste ano, 224 entidades de toda Galicia recibiron apoio da Xunta para realizar obras de mellora nos seus locais, especialmente centradas na accesibilidade e na eficiencia enerxética, adquirir novo mobiliario e equipamento, ou reparar captacións de augas, entre outras. No caso de Lugo houbo 31 colectivos beneficiarios que recibiron un global de 433.588 euros. Deles, 30 foron asociacións veciñais.

Impulso á actividade das asociacións veciñais

A maiores, o vicepresidente segundo referiuse ao convenio anual coa Confederación Galega de Asociacións Veciñais (Cogave), co que a Xunta contribúe a impulsar a actividade destas entidades. Nesta liña destacou que nos orzamentos de 2023 tamén se reforzará este apoio e a contía ascenderá de case 65.000 a 73.000 euros.

Estas medidas enmárcanse na aposta da Xunta polo labor das asociacións veciñais, como “un dos máis importantes instrumentos de participación cos que conta a Administración local e o primeiro chanzo para que a cidadanía canalice as súas demandas e suxestións” segundo apuntou Diego Calvo. O vicepresidente segundo agradeceu o traballo de escoita e de resolución de problemas da veciñanza que realizan estas entidades.

Reforzo orzamentario no eido local

O apoio do Goberno galego ao eido local complétase con liñas de axudas específicas para os concellos, como a Orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5 millóns de euros, ou o Fondo de Compensación Ambiental, que dispón de 11 millóns, entre outras. A elas sumarase en 2023 unha nova liña para financiar actuacións de eficiencia enerxética nas instalacións municipais, con 2,6 millóns de presuposto. En conxunto, o orzamento destinado ao eido local en 2023 refórzase cunha suba superior ao 15 %, ata situarse por riba dos 20 millóns de euros.