A Cidade da Xustiza de Vigo inicia este luns o traslado dos órganos xudiciais tras recibir máis de 5.000 visitas

As xornadas de portas abertas remataron o pasado venres e a súa posta en funcionamento comeza mañá polos xulgados Contencioso-Administrativo

Vigo, 23 de outubro de 2022

A posta en funcionamento da Cidade da Xustiza de Vigo comezará este luns despois de que as visitas guiadas remataran o pasado venres. Desde que se puxo en marcha a iniciativa de xornadas de portas abertas, alá polo mes de xullo de 2021, xa foron máis de 5.000 persoas as que acudiron ao antigo edificio para coñecer as novas instalacións xudiciais.

Unha vez iniciado o pasado 26 de setembro o traslado do arquivo, este luns comenzarán a instalarse os xulgados, segundo o acordado coas autoridades xudiciais e fiscais, fixando que se instalen dous órganos cada semana. En primeiro lugar e partir de mañá, entrarán os dous Contencioso-Administrativo.

A actividade xudicial verase minimamente afectada e non haberá que suspender os xuízos xa programados. A este ritmo estímase que o traslado se completará a primeira semana de abril.

Investimento de 42 millóns

A nova infraestrutura, que acollerá 38 unidades xudiciais, trátase da obra xudicial máis importante da historia da comunidade na que a Xunta investiu máis de 42 millóns de euros e coa que está a piques de culminar o Plan de Infraestruturas Xudiciais, dotado con máis de 125 millóns.

Unha vez posta en marcha, a Cidade da Xustiza unificará nun só edificio os órganos xudiciais da cidade, ao acoller nos seus 44.000 metros cadrados as unidades xudiciais xunto coa Fiscalía de Área, as dúas seccións da Audiencia Provincial e a subdirección do Instituto de Medicina Legal (Imelga).

En total, trasladaranse máis de 500 traballadores da Administración de Xustiza, que terán á súa disposición unha escola infantil de 41 prazas para facilitar a súa conciliación laboral e familiar.

Imaxes relacionadas