A Xunta adxudica por máis de 120.000 € as obras de humanización da contorna dos núcleos de Papucín e Fonte Santaia, no Concello de Frades

A intervención centrarase nas vías que conducen aos centros de ambas parroquias, onde se habilitarán sendas peonís, se introducirán canalizacións para a auga e o alumeado, e se colocará unha estrutura para cubrir os contedores de lixo existentes

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2022 A Xunta adxudicou, por máis de 120.000 euros, as obras de humanización da contorna dos núcleos de Papucín e Fonte Santaia, no Concello de Frades. A intervención centrarase nas vías que conducen aos centros de ambas parroquias do municipio, onde se habilitarán sendas peonís, se introducirán canalizacións para a auga e o alumeado público, e se colocará unha estrutura para cubrir os contedores de lixo.

O ámbito de intervención, cunha superficie de 1.406 metros cadrados, correspóndese cos viarios existentes no lugar da Igrexa da parroquia de Santa María de Papucín, e coa zona comprendida entre Fonte Santaia, As Corredoiras e A Igrexa, en Santaia de Moar.

En canto aos traballos, cun prazo de execución de 6 meses, a actuación principal consistirá na creación de itinerarios para peóns cunha largura de 1,8 metros, aínda que no caso de Papucín —onde as dimensións da vía non o permiten— optarase por habilitar unha cuneta transitable.

Así mesmo, en Fonte Santaia crearase unha zona de convivencia entre tráfico rodado e peonil empregando o mesmo pavimento que nos sendeiros: formigón en cor natural de 15 centímetros de espesor, armado con malla sobre saburra.

O acordo enmárcase nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta no ano 2010 para axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de espazos e infraestruturas de uso público e colectivo mediante acordos nos que se regulan as bases da colaboración técnica e económica entre Administración local e autonómica.

Grazas a esta iniciativa, dende 2010 a Xunta comprometeu máis de 162 millóns de euros para o financiamento de máis de 380 intervencións urbanísticas en decenas de concellos, para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.