A Xunta avalía co Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra a candidatura do proxecto de mobilidade sustentable

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana unha reunión de traballo con representantes da entidade

Sober (Lugo), 23 de outubro de 2022.-

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro esta semana en Sober co Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra para avaliar a candidatura do proxecto de mobilidade sustentable, que se vai presentar á segunda convocatoria do programa Moves Singulares.

Deste xeito analizáronse os elementos necesarios para presentar a mellor candidatura posible deste proxecto vital para que veciños e visitantes poidan desprazarse de xeito limpo, eficiente e seguro por esta zona de grandes valores naturais, culturais e paisaxísticos. O proxecto, cun orzamento de 6M€, busca a redución da presenza de vehículos privados a favor dun transporte colectivo eléctrico e a transformación do seu servizo recreativo: o catamarán turístico. Deste xeito, contempla o uso de barcos eléctricos, electrobarcas de paso, buses eléctricos e a dotación dos intercambiadores e pantaláns con puntos de recarga.

O impulso da mobilidade eléctrica é un dos obxectivos recollidos na Axenda Enerxética de Galicia 2030. Desde a Xunta estase a realizar un gran esforzo neste sentido, así o Consello vén de aprobar a ampliación ata os 40,5M€ do Plan Moves III co obxectivo de apoiar tanto a adquisición deste tipo de vehículos como a instalación de puntos de recarga.