O Hotel Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela, acollerá este evento entre os días 26, 27 e 28 de outubro

A Xunta celebrará a vindeira semana o II Encontro de Galicia Etiqueta Calidade para poñer en valor as producións con selo diferenciado

Haberá diferentes presentacións, como a da nova campaña de promoción de Terne-ra Gallega Suprema para fomentar o consumo desta carne entre a poboación


Os actos contarán con degustacións de produtos de calidade e tamén estarán prese-tes unha vintena de empresas acollidas ao selo de Artesanía Alimentaria e do sector ecolóxico
 

Daranse a coñecer os primeiros cinco “Embaixadores de Galicia Etiqueta Calidade”, que serán cinco personalidades relevantes nos seus sectores para promover a marca ao longo do ano 2023
 

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2022

A vindeira semana celebrarase -en horario de mañá e tarde- o segundo encontro de Galicia Etiqueta Calidade, no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela, entre os días 26 e 28 de outubro. Este acto, organizado pola Consellería do Medio Rural, pon en valor as producións galegas de calidade diferenciada.

 

Así, neste marco presentarase a nova campaña de promoción de Ternera Gallega Suprema -que conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros- para fomentar o consumo da carne de Ternera Gallega Suprema, á vez que se revaloriza este produto entre a poboación.  Do mesmo xeito, promocionaranse en xeral os produtos galegos de calidade e, durante os tres días de mostra, estarán presentes diversas empresas expositoras de Artesanía Alimentaria e do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, así como outras relativas aos diferentes selos de calidade diferenciada.

 

Ademais, haberá diversas mesas redondas que, entre outras cousas, versarán sobre os retos e oportunidades da distribución e da hostalaría, identificando estratexias e novas tendencias de negocio. Neste aspecto, explicaranse e mostraranse as facilidades para vendedores e compradores do mercado dixital de Experiencias de Calidade, que puxo en marcha a Xunta para a venda de produtos locais. Tamén se compartirán experiencias de diferentes iniciativas no sector de comedores de colectividades, entre eles o programa “Come Local”, que fomenta o consumo de alimentos de calidade e de proximidade entre os comedores escolares.

 

Por último, daranse a coñecer os primeiros cinco “Embaixadores de Galicia Etiqueta Calidade”, que serán cinco personalidades relevantes nos seus sectores para promover a marca ao longo do ano 2023. Así mesmo, o director da Casa de Galicia trasladará nunha conferencia os plans desta institución para o ano 2023, nos cales buscan promover que a Casa de Galicia en Madrid sexa un lugar de referencia para o sector primario galego, onde poder promocionar produtos, organizar conferencias, encontros de negocios ou actividades similares.

 

Para poder asistir a este II encontro, os interesados deberán inscribirse mandando un correo á dirección de eventos.medio-rural@xunta.gal.