O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal participou en Valladolid no congreso nacional da propiedade forestal

A Xunta destaca que as agrupacións de xestión conxunta da Lei de recuperación da terra contribuirán decisivamente a poñer en valor o monte

José Luis Chan lembrou que os vindeiros meses serán “fundamentais” para dar impulso a esta figura, que persegue fomentar unha xestión agrupada e sustentable dos montes, coa fin de recuperalos e poñelos en valor

Enmarcou tamén estes obxectivos no Plan Forestal de Galicia, “cara a neutralidade carbónica”, un documento que representa a folla de ruta para o futuro do sector na nosa comunidade autónoma
 

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2022.-

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, defendeu as vantaxes que aporta a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para fomentar a posta en valor do monte, mediante ferramentas específicas. En concreto, Chan referiuse ás agrupacións forestais de xestión conxunta como instrumento deseñado especialmente para esa finalidade.

 

Neste sentido -como xa anunciou a finais de setembro pasado o propio conselleiro do Medio Rural, José González- o director xeral reiterou que os vindeiros meses serán “fundamentais” para dar impulso a esta figura, que persegue fomentar unha xestión agrupada e sustentable dos montes, coa fin de recuperalos e poñelos en valor.

 

José Luis Chan fixo estas apreciacións na súa intervención no Congreso nacional da propiedade forestal, celebrado días pasados en Valladolid. O representante de Medio Rural defendeu tamén neste foro a figura do silvicultor activo e o papel protagonista que debe desempeñar nunha xestión forestal activa e de defensa fronte o abandono das terras.

 

Planificación preventiva

Nesta liña, o director xeral destacou que a devandita lei xa propiciou a posta en marcha en Galicia de 21 aldeas modelo e doutros tantos polígonos agroforestais, que se atopan -estes últimos- en distintas fases de execución. Chan definiu estes instrumentos como “tremendamente valiosos”, xa que cumpren unha función tan importante como é a da planificación preventiva. Así, engadiu, crean devasas naturais que acoutan as posibilidades de afectación dos incendios forestais e contribúen decisivamente a loitar contra o abandono.

 

Deste xeito, afirmou o director xeral, as ferramentas creadas por esta norma facilitan a recuperación de zonas degradadas, aumentan a biodiversidade, favorecen a diversificación da produción e proporcionan multitude de servizos ecosistémicos, ao tempo que se xera unha paisaxe diversificada e resiliente.

 

Unhas finalidades que José Luis Chan enmarcou tamén na filosofía de fondo que inspirou a actualización do Plan Forestal de Galicia, “cara a neutralidade carbónica”, un documento que -salientou- representa a folla de ruta para o futuro do sector na nosa comunidade autónoma.

 

Neste congreso nacional da propiedade forestal participaron expertos de diferentes institucións públicas, universidades, colexios oficiais e asociacións do sector. Nel abordáronse diferentes aspectos relacionados coa situación do xestor forestal diante do marco legal actual, as oportunidades que ofrece a Política Agrícola Común (PAC) para a silvicultura ou a comunicación á sociedade da importancia do silvicultor e a xestión forestal sustentable.

 
 
Departamento:
C. do Medio Rural