A Xunta finaliza a instalación de dúas paradas de autobús na estrada PO-400, no concello de Crecente

As obras, cun investimento de máis de 48.000 euros, consistiron na instalación de dúas paradas de autobús en ambas as marxes da vía, en torno ao punto quilométrico 25+230
 

Habilitouse espazo para que os autobuses paren, dispoñendo dúas marquesiñas con banco e apoio isquiático e zonas de circulación peonil para acceder ás novas paradas
 

A Xunta continúa traballando para mellorar os equipamentos do transporte público co fin de facilitar a mobilidade dos cidadáns

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de finalizar os traballos para habilitar dúas paradas de autobús na estrada PO-400, ao seu paso polo concello de Crecente.

 

As obras, cun investimento de máis de 48.000 euros, permitiron dotar destas paradas de autobús ambas as marxes da estrada PO-400, en torno ao punto quilométrico 25+230.

 

Os traballos resolveron a situación anterior, xa que non existía espazo habilitado para que os autobuses parasen, nin zona de circulación peonil propia, nin refuxio para os usuarios.

 

Así, instaláronse dúas marquesiñas con banco e apoio isquiático, cada unha nunha marxe da estrada, e habilitáronse zonas de circulación peonil para acceder ás novas paradas: executando unha senda con pavimento de formigón pola marxe esquerda da vía; e ampliando, na marxe dereita, a plataforma con aglomerado en quente e posterior aplicación de capa de cor, que permite diferenciar a parte destinada á circulación peonil.

 

Ademais, para manter a continuidade da rede de drenaxe na marxe esquerda, colocouse un colector de PVC de diámetro 315 mm baixo a senda de formigón executada, ademais da execución de sumidoiros e pozos de rexistro.

 
A Xunta continúa traballando para mellorar os servizos de transporte público co fin de facilitar a mobilidade dos cidadáns.

Imaxes relacionadas