A Xunta pon en valor o ecosistema de I+D+i galego na Feira Internacional Patents for Innovation de Madrid

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación conta cun mostrador institucional no que participarán máis dunha ducia de entidades de I+D+i galegas entre o 26 e o 27 de outubro

Esta acción enmárcase no programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, promovido pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Barrié
 

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2022.-

A Xunta de Galicia pon en valor o ecosistema de I+D+i galego na primeira feira internacional Patents for Innovation (P4I 2022), que se celebra os días 26 e 27 de outubro en Madrid e que busca ser o maior punto de encontro europeo en innovación e transferencia de tecnoloxía. Así, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación, conta cun mostrador institucional no que participarán máis dunha ducia de entidades de I+D+i galegas que presentarán as súas patentes, startups e as súas capacidades científicas. P4I 2022 naceu como un foro de innovación tecnolóxica e tamén como feira de patentes, permitindo así a creación dun espazo de intercambio de transferencia de resultados de investigación e patentes científicas.

 

A participación en P4I 2022 enmárcase no programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, promovido pola Axencia Galega de Innovación en colaboración coa Fundación Barrié, e que ten como obxectivo conectar o gran potencial da ciencia excelente e o entorno empresarial para converter a investigación en solucións de mercado útiles para a sociedade.

 

Da man da Xunta de Galicia e da Fundación Barrié, participan no mostrador institucional a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic), o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), as Universidades da Coruña, Santiago e Vigo, e a Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga), que engloba ao Centro Tecnolóxico Aimen, a Anfaco-Cecopesca, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), Gradiant, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Energy Lab e o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim).

 

Con esta acción, a Xunta de Galicia pon de manifesto a consolidación e a apertura tanto á sociedade como ao tecido económico do ecosistema de I+D+i galego, formado por entidades de investigación, tecnolóxicas e de apoio ao emprendemento que abordan proxectos dirixidos a todos os sectores estratéxicos da economía galega desde a xeración de coñecemento e a cultura de colaboración entre axentes.