A Xunta superará os 160 centros de ensino no programa Radio na Biblio este curso

O prazo está aberto ata o 27 de outubro para que 30 novos centros se incorporen

O curso pasado participaron na iniciativa un total de 138 centros escolares

Enmárcase no Plan LÍA de Bibliotecas escolares para promover un uso responsable da información en múltiples formatos

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2022 A Xunta de Galicia prevé superar este curso os 160 centros educativos integrados no programa Radio na Biblio. Para iso, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ten aberto o prazo para que 30 novos centros se incorporen a esta iniciativa, que ten como obxectivo promover a creación de emisoras/laboratorios nas bibliotecas escolares co fin de favorecer proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado.

Poderán participar na convocatoria os centros públicos de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato ou FP integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe). A dirección do centro será a responsable de presentar a solicitude.

Os centros que se incorporen ao programa recibirán unha asignación dun máximo de 2.000 €. Este orzamento destinarase a crear a emisora. No caso dos 138 centros escolares que xa contan cun laboratorio de radio no marco desta iniciativa, percibirán 500 € cada un para a realización de obradoiros de formación específica, en materia técnica para o funcionamento da emisora de radio, a elaboración de producións radiofónicas ou o desenvolvemento de competencias mediáticas a través da radio ou sobre lectura expresiva ou mellora da expresión oral.

Plan LÍA

Esta iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2021/2025 de Bibliotecas Escolares, que contempla o reforzo dos programas que inciden na formación do alumnado no seu acceso aos medios de comunicación, como é o caso, con propostas que promovan o coñecemento e un uso responsable da información en múltiples formatos.

A posta en marcha dunha emisora de radio nun centro educativo proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento de competencias clave a través de tarefas complexas que involucran diversas habilidades e destrezas, permitindo o tratamento de contidos curriculares mediante metodoloxías activas. Ademais, as actuais tecnoloxías da información e da comunicación facilitan o uso da radio como ferramenta pedagóxica de gran alcance para a difusión dos proxectos e iniciativas do centro educativo.

Tras cinco convocatorias do programa Radio na biblio, obsérvanse excelentes resultados pola motivación que supón este medio para o alumnado e as oportunidades que abre para as bibliotecas á hora de ampliar e diversificar o tipo de proxectos colaborativos ou de actividades de carácter interdisciplinario que poden deseñar, cun enfoque comunicativo e de reforzo das competencias clave como horizonte.

 

Imaxes relacionadas