Un total de 25 mozos e mozas galegos especialízanse en comercio exterior grazas ao programa de bolsas de internacionalización

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle a resolución dunha liña que achega apoios de ata 45.000 euros para a formación dos beneficiarios en diferentes destinos mundiais, mellorando así a súa empregabilidade de cara a potenciar a competitividade do tecido produtivo galego

Estados Unidos, Canadá, Brasil, Colombia, Marrocos, Xapón, Sudáfrica, Indonesia, Emiratos Árabes ou Arabia Saudita son algúns dos destinos aos que acudirán os mozos despois de iniciar a súa formación cun curso en comercio exterior que terá lugar os dous últimos meses do ano

Desde a súa posta en marcha, este programa da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación beneficiou xa a case 400 profesionais que colaboraron na promoción exterior das empresas galegas

A liña enmárcase na Estratexia de Internacionalización que está a impulsar o Goberno galego co tecido empresarial da Comunidade, e que está a permitir acadar rexistros históricos nas vendas ao exterior
 

Santiago, 22 de outubro de 2022.-

O Diario Oficial de Galicia recolle a resolución dunha nova convocatoria do programa de bolseiros de internacionalización, que permitirá a 25 mozos e mozas galegos adquirir competencias profesionais en mercados exteriores na procura de seguir a mellorar as vendas internacionais do tecido empresarial galego. Para acadar este obxectivo, a iniciativa, impulsada a través do Igape pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, achega bolsas que poden alcanzar, desta volta, ata os 45.000 euros.  

 

Os países nos que os seleccionados completarán a súa formación no estranxeiro inclúen novos mercados internacionais, algúns deles de interese estratéxico para o tecido empresarial galego. Así, os bolseiros teñen como destinos Estados Unidos, Canadá, Brasil, Colombia, Marrocos, Xapón, Sudáfrica, Indonesia, Emiratos Árabes ou Arabia Saudita, países aos que se suman outros da Unión Europea como Portugal, Suecia ou Italia.

 

As persoas beneficiarias desta bolsa naceron a partir de 1995, contan con titulación universitaria superior, e recibirán formación práctica conxunta en Galicia durante once meses, así como especialización sobre o terreo en destinos mundiais, onde colaborarán, a través do Igape, en proxectos de internacionalización de empresas galegas. Neste sentido, cómpre destacar que os bolseiros comezarán a súa formación cun curso de comercio exterior que terá lugar durante os dous últimos meses deste ano.

 

A iniciativa contribúe así á capacitación profesional de novos titulados na internacionalización de empresas, á mellora da súa empregabilidade para facilitar o seu acceso ao mercado laboral e ao desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos que colaborarán achegando os seus coñecementos ao tempo que reforzan a súa formación práctica.

 

A programación das bolsas abrangue o estudo dos sectores máis importantes dos mercados estranxeiros, a análise das oportunidades e debilidades dos sectores estratéxicos galegos en relación coa súa internacionalización e o estudo das formas de introdución das empresas nos mercados internacionais, contando para a aprendizaxe co apoio de titores tanto nas estadías no estranxeiro como en Galicia.

 

Este programa facilitou desde a súa posta en marcha a capacitación de case 400 novos titulados galegos, que se especializaron en comercio exterior mentres colaboraron coa internacionalización das empresas de Galicia desde mercados tan dispares como Estados Unidos, Filipinas, Dubai, Arxentina, Xapón, Canadá, Tailandia, Brasil, Corea do Sur, México ou Emiratos Árabes, entre outros.

 

A iniciativa inclúese na Estratexia de Internacionalización que está a promover o goberno galego para contribuír ao incremento da competitividade exterior das empresas galegas, que están a acadar rexistros históricos. En concreto, no que vai de ano, de xaneiro a agosto, as exportacións galegas medraron un 28,7% con respecto ao mesmo período do ano anterior, o que supón tamén a cifra máis alta nos primeiros oito meses do ano.

Imaxes relacionadas