A Xunta destinará 1 M€ en 2023 á dotación de equipamento dos servizos de emerxencias dos concellos

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, asistiu hoxe á ‘VI Xornada de Convivencia de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil´, na que participaron máis de 500 efectivos de 82 asociacións de España e Portugal

Destacou o labor altruísta deste colectivo e puxo en valor o seu papel durante a vaga de incendios do pasado verán

O Goberno galego tamén colabora nos gastos de funcionamento destas agrupacións cunha contía de máis de 4M€ nos últimos anos, ademais de participar no mantemento dos GES e os Consorcios provinciais de Bombeiros e Salvamento

Ourense, 22 de outubro de 2022 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe xunto co director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, na celebración da VI Xornada de Convivencia de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil. O acto celebrouse no Auditorio Municipal de Ourense e contou coa participación de máis de 500 voluntarios e voluntarias de 82 asociacións de España e Portugal.

Diego Calvo destacou que esta xornada serviu de punto de encontro para poñer en valor o labor altruísta que levan a cabo a diario os máis de 5.000 efectivos das 233 Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da Comunidade en apoio aos servizos de emerxencias. O seu traballo foi recoñecido na entrega de medallas de hoxe e na homenaxe polo traballo feito durante as vagas de incendios do pasado verán na provincia ourensá, con máis de 150 operativos para atender ás persoas desaloxadas por mor dos lumes.

Pese a tratarse dunha competencia dos municipios de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación, a Xunta manterá o seu compromiso cos servizos de emerxencias dos concellos nos orzamentos de 2023. Así, destinarase 1 millón de euros a dotalos do equipamento necesario, que se suman ao investimento histórico de 24 millóns de euros desde 2009 e dos que 14 millóns corresponden ás AVPC.

Entre o material cedido os concellos neste período, tanto agrupacións de Protección Civil como GES, inclúense 208 vehículos todoterreo, 187 remolques de emerxencias, 123 tendas de campaña de emerxencias, 98 esparexedores de sal, 70 embarcacións, 65 furgóns de emerxencias e 23 de servizos varios, 34 equipos de excarceración, 43 coitelas quitaneves, 21 motobombas, 4 UTV e 212 equipos de protección individual contra a vespa velutina. No caso concreto das AVPC destacan 182 vehículos tipo pick-up e 170 remolques de emerxencias xunto con material específico para facer fronte ás emerxencias nos concellos de montaña onde son frecuentes nevaradas e nos costeiros ou con encoros.

Ademais de colaborar en equipar aos efectivos das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, a Administración autonómica leva investidos 4 millóns de euros nos seus gastos de funcionamento a través da liña de axudas anual que en 2022 se volverá a renovar mantendo a contía de 340.000 euros.

O Goberno galego tamén asume máis da metade do custo anual de mantemento dos GES co obxectivo de mellorar o mapa de emerxencias da comunidade, polo que reservará nas contas do próximo ano a partida necesaria para renovar o convenio coas deputacións de Lugo e A Coruña e os concellos desta provincia que vence a finais deste ano.

Na mesma liña, para colaborar no financiamento dos consorcios de bombeiros e de salvamento das 4 provincias galegas e no de Deza e Tabeirós-Terra de Montes nos orzamentos de 2023 inclúense 10 millóns de euros. Ademais, o próximo ano avanzarase na comarcalización do parque de bombeiros de Santiago, acordado entre a Xunta, a Deputación provincial da Coruña e o Concello de Santiago.

O vicepresidente segundo incidiu en que para contribuír a unha Galicia máis segura, a Xunta colabora en contar con servizos de emerxencias ben equipados e ben formados. A formación recíbena na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) no marco do seu plan de formación continua e nos cursos para obter o carné de voluntario de Protección Civil. A Academia tamén é un centro de referencia da formación das forzas e corpos de seguridade que traballan en Galicia e en 2023 recibirá á súa 15ª promoción de Policía Local, entre os que figurarán os aspirantes que superen as oposicións unificadas para optar a 84 prazas de Policía Local convocadas por 23 concellos que delegaron as competencias do proceso de selección na Xunta.

Actividades programadas

Na xornada de hoxe realizáronse diversos talleres prácticos guiados por profesionais de organismos relacionados co mundo das emerxencias e destinados a grupos reducidos de voluntarios de protección civil. Así, participaron a Unidade Cinolóxica da Garda Civil, cos seus cans adestrados na Busca de Persoas Desaparecidas, a Unidade Militar de Emerxencias (UME), a Unidade de Drons dos Bombeiros da Mancomunidade de Terra de Celanova e o recentemente creado GES de Maceda, que levou a cabo un rescate nun accidente de tráfico.

Ademais, as persoas participantes puideron desfrutar, grazas a Fundación Estanislao Reverter, do mítico coche de rallys Alpinche, encadrado dentro do taller sobre seguridade en rallys; mentres que os bombeiros do fixeron unha exhibición de rescate en altura e os efectivos das AVPC de Castrelo e Ourense, xunto coa empresa Jet Vigo, levaron a cabo prácticas de rescate acuático.

Tamén participaron no evento o Grupo de Apoio Loxístico a Intervención (GALI) pertencente a Axencia Galega de Emerxencias (Axega), xunto co helicóptero de salvamento e rescate PESCA I do Servizo de Gardacostas de Galicia ou o H4 de Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061.