Augas de Galicia expón a experiencia de xestión da Xunta nunhas xornadas sobre riscos climáticos en Calpe
A administración hidráulica autonómica explica o seu labor de planificación e de adaptación normativa para lograr unha xestión acorde co cambio climático e os obxectivos ambientais
O encontro está organizado polo Observatorio de Cidades Resilientes
Augas de Galicia participa estes días nas xornadas sobre riscos climáticos organizadas polo Observatorio de Cidades Resilientes e Sostibles en Calpe, en Alicante, para abordar as problemáticas relacionadas co cambio climático.
Neste encontro, representantes da administración hidráulica autonómica expuxeron a experiencia de xestión de Augas de Galicia, explicando o labor de planificación e de adaptación normativa levado a cabo para lograr unha maior adaptación ao cambio climático e aos obxectivos ambientais.
A finalidade destas xornadas é intercambiar perspectivas sobre a adaptación da xestión ante os riscos de seca, inundacións, ondas de calor, o reto demográfico e a biodiversidade, no marco dun foro de encontro de coñecemento e experiencias nestes ámbitos.
Augas de Galicia abordou a necesidade de apostar por unha xestión eficiente da auga, os riscos da seca e a escaseza crecente de recursos hídricos, así como as actuacións que se están realizando desde a administración autonómica de Galicia.