O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, reuniuse co alcalde da capital galega, Xosé Sánchez Bugallo

A Xunta e o Concello de Santiago avanzan en acordos en materia de mobilidade, emerxencias e turismo

Rueda anuncia que se deron os “pasos definitivos” para facer realidade a comarcalización do Parque de Bombeiros o vindeiro ano
 

Pide “ir da man” co Concello para que a senda ciclista Milladoiro-Santiago estea licitada a principios de 2023
 

Amosa a colaboración da Xunta co Goberno local para dar solución ás dificultades que rexistra a cidade en materia de dispoñibilidade de taxis
 

O presidente autonómico apunta a necesidade da colaboración na mellora dos accesos e aparcamentos do Hospital Clínico de Santiago
 

Santiago de Compostela,21 de outubro de 2022

  O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, avanzaron hoxe en acordos en materia de mobilidade, emerxencias e turismo que, segundo o mandatario galego, redundarán en beneficio da cidade.

Así o defendeu o titular do Goberno autonómico tras o encontro co alcalde de Santiago, dentro da rolda de contactos institucionais que está a realizar o presidente cos mandatarios das sete principais cidades galegas e que, neste caso, supuxo -entre outros acordos- a concreción dos “pasos definitivos” para facer realidade a comarcalización do Parque de Bombeiros de Santiago de Compostela.
 
Garantiuno deste xeito o presidente da Xunta, quen avanzou que o Goberno galego ten consignadas partidas nos Orzamentos de 2023 para estender o traballo do cadro de persoal e rematar a estrutura situada en Salgueiriños.

Senda ciclista Milladoiro-Santiago

En materia de mobilidade e accesibilidade, Rueda e Bugallo tamén afondaron na senda ciclista entre Milladoiro e Santiago e que o presidente da Xunta defendeu por ser un “avance” en materia de mobilidade sustentable, “e que se pode executar con cargo aos fondos europeos”.

Ao respecto, considerou que é importante coñecer a opinión do Concello de Santiago con respecto ao trazado e “ir da man” na súa execución, xa que advertiu que a senda debería estar licitada a principios do ano que vén.
 

Dispoñibilidade de taxis

No encontro tamén se analizaron as “dificultades innegables” que rexistra Santiago en materia de dispoñibilidade de taxis e referiuse, en concreto, ás rexistradas nos meses de verán.

 Ante esta situación, defendeu actuar “en consecuencia” e apuntou o estudo que está realizando o Concello de Santiago para coñecer se é preciso incrementar o número de licenzas. Neste senso, Rueda amosouse partidario de “ir da man” coa Administración local para tomar as decisións que dean unha solución “que redunde en beneficio da cidade”.
 

Taxa turística

Tras o encontro, o presidente da Xunta informou de que a Xunta abre porta a negociar unha taxa turística para o Concello de Santiago se o Goberno local presenta unha proposta polo miúdo sobre as circunstancias que se están producindo na cidade para establecer este gravame e en que consistiría. “Se é unha proposta razoable non diremos que non a considerala”, aseverou.

En concreto, apuntou que se esa proposta en profundidade convence ao Goberno galego, este a remitiría a través dun anteproxecto de lei ao Parlamento de Galicia para a súa aprobación.
 

En todo caso, aclarou que, de levarse á Cámara galega, sería a través dunha normativa que habilitaría a cada concello a establecer de xeito voluntario unha taxa turística, sen que se visen afectados outros municipios que non queiran poñela en práctica. Neste senso, lembrou que, neste intre, só o de Santiago amosou o seu interese por contar con este gravame.

Accesos do Hospital Clínico

Na reunión tamén se abordou o convenio que van firmar proximamente o Goberno autonómico e o Concello de Santiago para dar solución as necesidades de accesibilidade e mobilidade actuais e a medio e longo prazo do Hospital Clínico de Santiago.

Nel, segundo avanzou Rueda, abórdase as actuacións necesarias en materia de aparcamento “e nas que a Xunta non se pecha a participar”, garantiu ao tempo que puxo como exemplo a implicación nestes eidos da Administración autonómica cando se realizaron as ampliacións dos hospitais da Coruña ou de Pontevedra.

Imaxes relacionadas