A Xunta licitará antes de rematar o ano a reforma das urxencias do Hospital Virxe da Xunqueira de Cee por 1,1 millóns de euros

O conselleiro de Sanidade avanzou, no 25 aniversario do centro, que os orzamentos da Xunta para 2023 consignan 450.000 euros para iniciar a obra e acometer a limpeza da fachada

Comesaña destacou que a recente aprobación da Lei de medidas extraordinarias para prazas de difícil cobertura permitirá convocar por concurso de méritos os postos vacantes neste hospital

Cee, 21 de outubro de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou hoxe a licitación, antes de que remate o ano, das obras de ampliación das urxencias do Hospital público Virxe da Xunqueira de Cee, que suporán un investimento de 1,1 millóns de euros e que, unha vez adxudicadas, poderán comezar mediados do ano 2023 e rematar no 2024.

 

García Comesaña fixo este anuncio nos actos do 25 aniversario do hospital público de Cee, onde aproveitou para avanzar tamén que a Xunta ten previsto a mellora e limpeza da fachada do centro sanitario. As actuacións previstas, segundo dixo o conselleiro, “suporán un hospital totalmente reformado no seu interior e exterior”.

 

Concretamente, a ampliación das urxencias incluirá un circuíto específico permanente e independente para a atención e illamento diferenciado dos pacientes con patoloxías respiratorias, así como un control de enfermería para ese dobre circuíto.

 

As novas dependencias, segundo explicou o conselleiro de Sanidade, engadirán tamén aos actuais sete boxes de observacións e ao único existente para pacientes illados outros 5 boxes, todos eles preparados para pacientes illados. Finalmente, incorporarase unha nova sala de traballo médico, e outra nova sala de traballo de enfermería.

 

O conselleiro lembrou cómo ao longo deste ano, no marco da actual estratexia da Xunta de renovación de equipamento sanitario, “vimos de adxudicar para o hospital de Cee máis de 600.000€ para adquisición dos equipos máis modernos e avanzados, para seguir mantendo a este hospital na vangarda sanitaria”.

 

Este equipamento inclúe un TAC de última xeración, un ecógrafo portátil ou a renovación do equipamento cirúrxico, cun novo equipo radiocirúrxico, a renovación de dúas lámpadas de quirófano ou un novo sistema de anestesia

 

25 anos de mellora permanente

Ao acto do 25 aniversario tamén asistiron o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, o director xeral de Función Pública, José María Barreiro, o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, o xerente da área sanitaria, Luis Verde, a directora do distrito sanitario de Cee, Carmen Otero, e representantes das corporacións municipais dos concellos deste distrito. Durante o mesmo, Julio García Comesaña repasou os fitos destacados na traxectoria deste centro comarcal, que naceu hai 25 anos. No seu nacemento quixo salientar o papel do seu primeiro director José Rey Aneiros así como o do conselleiro de Sanidade que decidiu o emprazamento do hospital, José Manuel Romay Beccaría.

 

O conselleiro de Sanidade destacou as melloras que a prestación sanitaria do hospital experimentou ao longo da súa existencia, especialmente nos últimos anos. Así, lembrou a incorporación dun mamógrafo no ano 2010, “unha actuación que converteu ao Virxe da Xunqueira no primeiro hospital comarcal en contar cunha Unidade de Exploración fixa de cribado de cancro de mama” ou á posta en marcha en 2011 da Unidade de Dixestivo, que dotou a este hospital da máis alta tecnoloxía e equipamento do momento neste ámbito asistencial. “Un logro acadado gracias á integración funcional entre CHUAC e o hospital comarcal, garantindo unha atención de maior calidade”, destacou o conselleiro.

 

Entre as melloras máis recentes, García Comesaña salientou tamén que entre o ano 2017 e 2018 “realizamos a ampliación a unidade de diálise, triplicando a súa capacidade, pasando de 4 a 12 postos, o que permite unha capacidade de 24 pacientes diarios, divididos en dúas quedas de maña e tarde”, a modernización do bloque cirúrxico en 2018 ou o inicio das consultas oftalmolóxicas de retina ou das inxeccións intravítreas o ano pasado. Actuacións, destacou, “que permitiron seguir achegando servizos á poboación” ao tempo que a creación das estruturas de xestión integrada ou a reforma do mapa sanitario coa creación de distritos como o de Cee blindaron os hospitais comarcais e reforzaron o apoio que reciben dos hospitais de cabeceira.

 

Por último, o conselleiro amosou o seu agradecemento pola súa labor a todos os profesionais que pasaron ao longo destes 25 anos polo hospital Virxe da Xunqueira e aos máis de 350 que traballan nel actualmente. Destacou que o seu bo facer e a súa excelente labor diaria permitiron fitos como que no ano 2014 as unidades de hospitalización do Virxe da Xunqueira recibiran o certificado de sistema de xestión de calidade de AENOR ou ao feito de que o seu servizo de obstetricia se convertera nun referente na atención humana e personalizada ao parto, ata o punto de recibir no ano 2016 dous premios do Ministerio de Sanidade por Boas prácticas en atención perinatal.

 

En relación co persoal, o conselleiro puxo en valor a recente aprobación da lei de medidas extraordinarias para as prazas de difícil cobertura, que permitirá á Xunta ofertar por concurso de méritos, sen oposición, prazas fixas para especialistas médicos nos hospitais comarcais, incentivando así a cobertura das prazas vacantes.

Imaxes relacionadas