A Xunta destina 160.000€ o próximo ano á renovación dos convenios de colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e coa Coordinadora Galega de ONGD

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe no acto conmemorativo do 25 aniversario do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Nigrán (Pontevedra), 21 de outubro de 2022

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe no acto conmemorativo do 25 aniversario do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Na súa intervención destacou o apoio constante da Xunta a esta entidade, desde a súa constitución no ano 1997, por ser considerada a interlocutora permanente da Administración autonómica en materia de cooperación para o desenvolvemento no ámbito municipalista, como se recolle na lei reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia.

 

Así, os orzamentos da Vicepresidencia Segunda recollen para 2023 unha partida de 160.000 euros para dar continuidade aos convenios de colaboración con esta entidade e coa Coordinadora Galega de ONGD para actividades de educación para o desenvolvemento, sensibilización, formación e fortalecemento institucional no ámbito da cooperación municipalista no caso concreto do Fondo Galego.

 

O convenio con esta entidade que actualmente está vixente, ao igual que os dos dous anos anteriores, ten como obxecto a execución do proxecto A Axenda 2030, un reto local nun mundo en transformación, co que se busca promover a implicación dos concellos e deputacións galegas no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS).

Imaxes relacionadas