Román Rodríguez traslada o seu apoio a Ponte... nas ondas! na candidatura como modelo de boas prácticas da Unesco

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa no programa ‘Radio do Patrimonio’ desta asociación cultural e pedagóxica xunto a escolares

A resolución coñecerase na sesión que o Comité celebrará do 28 de novembro ao 3 de decembro en Rabat
 

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2022.-

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, expresa o apoio da Xunta de Galicia á candidatura de Ponte... nas ondas! como modelo de Boas Prácticas da Unesco, que impulsa a Asociación Cultural e Pedagóxica do mesmo nome co apoio do Goberno autonómico. Así o sinalou hoxe con motivo da súa participación na iniciativa Radio do Patrimonio, un proxecto de radio escolar co que este colectivo busca implicar aos escolares na recuperación e posta en valor do patrimonio inmaterial.

 

O conselleiro de Cultura puxo en valor a traxectoria de máis de 25 anos de Ponte... nas Ondas!, unha iniciativa transfronteiriza que promove o intercambio lingüístico entre centros de ensino da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e que opta a ser inscrito no rexistro de boas prácticas do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco.

 

Trátase dunha candidatura conxunta de España e Portugal, presentada en marzo de 2021 conta co apoio e impulso da Xunta, cuxa resolución se coñecerá na sesión que o Comité Intergobernamental celebrará en Rabat do 28 de novembro ao 3 de decembro. “Agardamos que a resposta sexa positiva porque este recoñecemento suporía un gran impulso internacional para favorecer os lazos coa lusofonía”, afirmou.

 

A asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas Ondas!emite hoxe desde o Pazo de Fonseca, en Santiago, o último dos catro programas desta iniciativa, logo de pasar polas localidades de Cea, Tui e Sarria e co alumnado do colexio López Ferreiro como convidado especial. Eles foron os responsables de elaborar as preguntas do programa. A emisión contou, ademais, con actuacións musicais como a de Pancho Álvarez, que repasou os instrumentos de corda que forman a banda sonora de Galicia. Tanto o capítulo de hoxe como os gravados anteriormente poden escoitarse en diferido a través da canle de YouTube de Ponte...nas Ondas! ou no seu portal pontenasondas.org.