A Xunta publica no DOG a aprobación da información pública do proxecto de trazado e do estudo de impacto ambiental da Variante de Ribeira

Esta infraestrutura estratéxica para Ribeira e a súa área suporá un investimento de 10,3 M€, incluíndo as expropiacións necesarias para a súa execución
 

Os Orzamentos da Xunta reservan en 2023 un investimento de 1,5 M€ para o seu impulso, iniciando antes de que finalice o ano o proceso expropiatorio para continuar avanzando no proxecto construtivo da primeira fase e poder licitar as obras
 

Trátase de dotar o núcleo urbano de Ribeira dun novo viario que, de oeste e sur do municipio, conecte a autovía do Barbanza e a AC-550 coa estrada da costa
 

Determínase o deseño dun novo viario que, rodeando Ribeira polo oeste, conecta o final da autovía do Barbanza ao norte, coa estrada da costa (DP-7307) ao sur

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2022 A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública, do proxecto de trazado e do estudo de impacto ambiental da Variante de Ribeira.

 

O Consello da Xunta deulle luz verde o pasado 4 de agosto a esta actuación, á que o Goberno galego destinará un investimento global de 10,3 millóns de euros, incluíndo o custo das expropiacións.

 

Para avanzar no seu impulso, os Orzamentos da Xunta reservan en 2023 unha partida de 1,5 M€, iniciando antes de finalizar o ano o proceso expropiatorio para continuar avanzando no proxecto construtivo da primeira fase e poder licitar as obras. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://acortar.link/EmJMsv

 

Trátase de dotar o núcleo urbano de Ribeira de novos accesos, mediante a execución dun novo viario que, desenvolvéndose polo oeste e sur do municipio, conecte a autovía do Barbanza (AG-11) e a AC-550 coa estrada da costa (a DP-7307).

 

O obxectivo é facilitar a mobilidade en condicións máis seguras e eficientes en Ribeira, que actualmente ten acceso a través de dúas estradas autonómicas, a AC-550 desde o norte, e a AC-305 desde o nordés, pola costa. As ditas estradas conflúen e finalizan no límite norte do centro urbano de Ribeira.

 

Para acadar este fin, o proxecto da variante recolle o deseño dun novo viario rodeando Ribeira polo oeste, conectando as estradas DP-7301 ao norte coa DP-7307 ao sur do municipio.

 

O novo trazado parte das proximidades da glorieta do polígono de Xarás, ao norte de Ribeira, na confluencia da estrada AC-550 e a autovía AG-11, discorrendo cunha aliñación norte-sur, ata aproximarse á trama urbana de Ribeira.

 

Posteriormente, desprázase cara ao suroeste, rodeando a citada trama urbana, para continuar con aliñación oeste-este ata conectar coa estrada da costa, a citada DP-7307.

 

O trazado divídese en tres tramos de acordo ás distintas características da zona: un primeiro, desde o punto quilométrico 0 ao 1+200; o segundo, entre os puntos 1+220 e 2+140; e o terceiro, do 2+140 ata o final.

 

As obras previstas comprenden a construción de cinco glorietas, así como a execución dun paso inferior para manter o trazado de vías existentes sobre as que cruza a nova traza. Tamén se acometerán dous viadutos e seis muros.

 
Tramitación

O proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental foi aprobado provisionalmente en xaneiro de 2020 e, posteriormente, foi sometido aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas.

 

As administracións consultadas foron Augas de Galicia, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o Instituto de Estudos do Territorio, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a Deputación da Coruña e o Concello de Ribeira, que remitiron os seus correspondentes informes sectoriais.

 

A Axencia Galega de Infraestruturas avaliou os ditos informes sectoriais, aos que lles deu resposta.

 

Ademais do proxecto de trazado, tamén se someteu a información pública o estudo de impacto ambiental da actuación, dando como resultado a Declaración de Impacto Ambiental favorable por parte do organismo competente.

 

A Xunta, unha vez analizadas as achegas presentadas, incorporou ao proxecto as consideracións oportunas, entre elas, a petición do Concello de desprazar a glorieta prevista inicialmente á altura da rúa Mariño, no punto 1+340, ata a altura da rúa Ameneiro, no punto 1+240, mantendo, en calquera caso, a conexión da rúa Mariño co novo viario mediante unha intersección.

 

Imaxes relacionadas