A Xunta adxudica por máis de 1,3 M€ as obras da nova senda entre Oleiros e Leirado, en Salvaterra de Miño

A intervención comezará en novembro e contará cun prazo de execución de 12 meses


Construirase un itinerario de uso fundamentalmente peonil, que dará continuidade aos treitos de senda xa executados en distintas actuacións nos últimos anos


As obras abranguen un treito de 4,6 km, nas zonas de vivendas entre Oleiros e Leirado, e mellorarán os accesos á igrexa e aos establecementos hostaleiros e de alimentación
 

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2022

A Xunta vén de adxudicar por máis de 1,3 millóns de euros as obras da nova senda na estrada PO-402 entre Oleiros e Leirado, en Salvaterra de Miño.

A intervención, adxudicada á empresa Narom S.L., comezará en novembro, cun prazo de execución de 12 meses.

O obxectivo da actuación é mellorar a mobilidade a pé e o reforzo da seguridade, especialmente dos usuarios máis vulnerables das estradas, peóns e ciclistas.

Trátase dun itinerario mixto, fundamentalmente de uso peonil, que dará continuidade aos treitos de senda xa executados a través de distintas actuacións levadas a cabo nos últimos anos.

Actuarase en 4,6 km de estrada, coincidindo cos treitos con vivendas que se atopan entre as parroquias de Oleiros e de Leirado, e mellorando o acceso a zonas de equipamentos como a igrexa e establecementos hostaleiros e de alimentación.

Para fomentar os desprazamentos a pé dos veciños, disporanse 3 pasos de peóns con iluminación específica, un deles sobreelevado, para mellora da mobilidade e unha mellor accesibilidade á nova senda. Xunto con isto, e coa finalidade de facilitar o acceso ao transporte público, acometeranse 4 marquesiñas, renovando as actuais. 

Ademais aproveitaranse os traballos para mellorar o trazado dunha curva con radio reducido, no quilómetro 4+900, sen necesidade de expropiacións.

A actuación completa outras obras de mellora da mobilidade peonil executadas con anterioridade para unir Oleiros con Salvaterra a través da PO-400 e da PO-402.

A intervención conta con financiamento comunitario dos fondos REACT-EU, de resposta da Unión Europea fronte á pandemia da covid-19.