A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe o avance destas actuacións, que incrementarán o espazo destinado ao estacionamento

Ethel Vázquez avanza que o vindeiro mes quedarán rematadas as obras de ampliación do aparcadoiro do Hospital Teresa Herrera da Coruña cun investimento da Xunta de 336.000 €

Explica que se dotan 15 prazas de aparcadoiro na zona dos antigos depósitos de augas residuais, aproveitando e poñendo en valor a zona dunha infraestrutura que estaba en desuso; e 16 na explanada que xa viña funcionando como aparcadoiro

Apunta que estas 31 prazas de aparcadoiro se sumarán ás 53 habilitadas nunha actuación anterior, sumando 84 prazas entre as dúas intervencións

Na parte máis próxima ao hospital, modificouse un dos actuais accesos, reformando a intersección e creando unha miniglorieta para mellorar a ordenación do tráfico

Ethel Vázquez destaca outras actuacións na cidade, como a Torre Polivalente do Novo CHUAC, a 1ª peza do novo hospital público que se comezará a executar o vindeiro ano cos 28,5 M€ que recollen os Orzamentos autonómicos de 2023

Insta ao Concello da Coruña a aclarar se quere ou non a pasarela peonil de Santa Cristina, na que a Xunta ten a vontade de investir 8 M€
 

A Coruña, 21 de outubro de 2022.-

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que no vindeiro mes de novembro quedarán rematadas as obras de ampliación do aparcadoiro do Hospital Teresa Herrera da Coruña, no que a Xunta está a investir 336.000 euros.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe as obras que se están a executar neste aparcadoiro co fin de favorecer a mobilidade en toda a contorna e facilitar o estacionamento das persoas que cada día se achegan para recibir asistencia sanitaria.

 

Estes traballos, que comezaron en xullo, teñen como obxectivo incrementar o espazo destinado a estacionamento e habilitar unha vía perimetral para favorecer a circulación en anel bordeando este aparcadoiro.

 

Segundo detallou a conselleira, actuouse sobre unha superficie de 1800 m², na parte traseira do Materno-Infantil, onde estaban os antigos depósitos e balsas de augas residuais.

Así, unha vez preparada a superficie, procedeuse a habilitar 2 zonas de aparcadoiro, creando 15 prazas nesa zona de balsas e de antigos depósitos, aproveitando e poñendo en valor a zona dunha infraestrutura que estaba en desuso; e 16 na explanada que xa se viña empregando como aparcadoiro.

 

Estas 31 prazas de aparcadoiro súmanse, segundo remarcou a conselleira, ás 53 xa habilitadas nunha actuación anterior, 84 prazas en total, entre as dúas actuacións levadas a cabo pola Xunta.

 

Tamén se está a executar un viario perimetral que permitirá a circulación en forma de anel, bordeando estes novos espazos e conectando co camiño de Xubias de Abaixo, ampliado na zona máis próxima á actuación.

 

Na parte máis próxima ao hospital, modificouse un dos actuais accesos, reformando a intersección e creando unha semiglorieta, co obxectivo de mellorar a ordenación do tráfico.

 

A conselleira precisou que as obras están moi avanzadas, coa superficie preparada para a pavimentación, executada a rede de pluviais e parte da iluminación.

 

Detallou que resta o pavimento de formigón sobre a superficie do aparcadoiro e sobre os viarios, a semiglorieta de entrada, sinalización e balizamento, que é no que se están a centrar as obras agora mesmo.

 

Indicou que a previsión é poder rematar os traballos de aglomerado a finais deste mes de outubro, quedando logo remates de pintura, sinalización e iluminación.

 

Investimentos da Xunta na cidade

Ethel Vázquez puxo en valor a aposta que a Xunta vén facendo pola cidade e a área da Coruña. Lembrou que este mesmo luns se presentou o proxecto da Torre Polivalente do Novo CHUAC, a 1ª peza do novo hospital público que se comezará a executar o vindeiro ano cos 28,5 M€ que están consignados nas contas autonómicas de 2023.

 

Lembrou que os Orzamentos da Xunta do vindeiro ano tamén reservan unha partida de 10 M€ para avanzar na execución da estación de autobuses intermodal, cuxas obras comezaron a finais de setembro. Nestas primeiras semanas estase traballando na implantación, con labores de roza e despexe e a localización de servizos afectados.

 

Referiuse tamén á partida en 2023 de 1,45 M€ para a estrutura flotante do Parrote, o primeiro proxecto autonómico que activa a recuperación da fachada marítima da cidade, para a que a Xunta ten comprometido un investimento de 20 M€.

 

No marco dos fondos de mobilidade sostible, apuntou que se avanzará na pasarela peonil de Santa Cristina, que suporá un investimento estimado de 8 M€. Instou, en todo caso, á alcaldesa e ao Concello da Coruña a que diga claramente se ten interese nesta infraestrutura, se está a favor ou non dunha pasarela peonil de Santa Cristina. Unha infraestrutura, dixo, que ten pleno sentido, que conta con todos os avais, desde o punto de vista da mobilidade e de protección do litoral, e que é un investimento de futuro, para impulsar a mobilidade sostible e facer cidade.

 

Imaxes relacionadas