O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o director xeral de SabadellGallego, Pablo Junceda, e o director da Colección de Arte Banco Sabadell, Miquel Molins, inauguran a mostra no Museo Centro Gaiás

A Cidade da Cultura reúne a obra de tres xeracións de artistas contemporáneos na exposición ‘De lugares e cousas. Colección de arte Banco Sabadell’

‘De lugares e cousas’ convídanos a explorar, a través da arte, os significados cos que dotamos os obxectos e os espazos nos que habitamos física e espiritualmente

O titular de Cultura do Goberno galego subliña “a oportunidade de achegarse a verdadeiros referentes da creación contemporánea” e afondar nas súas visións particulares arredor da natureza, a cidade ou a memoria

Figuras como Eduardo Chillida, Antoni Tàpies, Jaume Plensa, Cristina Iglesias ou Susana Solano forman parte desta mostra que agrupa 41 pezas de 36 artistas pertencentes á Colección de Arte Banco Sabadell

Entre elas atópanse creacións dos galegos Manolo Paz, Ángela de la Cruz, Antón Patiño e Christian García Bello

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, o director xeral de SabadellGallego, Pablo Junceda, e o director da Colección de Arte Banco Sabadell, Miquel Molins, inauguraron hoxe no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura De lugares e cousas, exposición que explora a evolución da arte contemporánea a través das obras de tres xeracións de artistas que reflexionan sobre os símbolos, significados e sentidos cos que dotamos e construímos os lugares, e tamén sobre a relación da obra artística cos espazos que habita.

De lugares e cousas reúne 41 pezas de 36 creadores e creadoras pertencentes á Colección de Arte Banco Sabadell entre os que se contan algunhas das figuras máis destacadas da creación plástica do século XX en Galicia, España e Portugal. Pioneiros da abstracción, o informalismo ou a arte conceptual, como Eduardo Chillida, Antoni Tàpies, Ana Jotta ou Isidoro Valcárcel Medina, comparten espazo con artistas que están a despuntar a nivel nacional e internacional como Irma Álvarez-Laviada, David Bestué, Jordi Colomer, Jaume Plensa ou Teresa Solar Abboud, entre outros moitos.

O titular de Cultura do Goberno galego destacou na inauguración o valor desta mostra “para achegarse a verdadeiros referentes da creación galega das últimas décadas pero tamén para dar a coñecer o talento dos galegos que forman parte desta prestixiosa escolma realizada polo Banco Sabadell”. Manolo Paz, Antón Patiño, Ángela de la Cruz e Christian García Bello son os artistas galegos, pertencentes tamén a correntes e xeracións diversas, que expoñen a súa obra nesta exposición.

O acto contou ademais coa presenza da directora xerente da Cidade de Cultura, Ana Isabel Vázquez, e de Montse Corominas, directora adxunta da Colección de Arte Banco Sabadell.

Arte que transcende os límites

Nesta exploración de lugares e cousas, a arquitectura, a natureza e a cidade están moi presentes ao longo de toda a mostra. Así, atopamos pezas que reflexionan sobre os espazos urbanos —Maravillas e Prototipos (2), de Jordi Colomer—, que empregan elementos arquitectónicos para dotalos dun novo sentido —La habitación de la arquitectura prohibida, na que nos convida a entrar Alicia Framis—, e outras que traballan a partir de elementos naturais como materia prima ou obxecto de representación. Isto último vémolo, por exemplo, na estrutura de panal en madeira de Vértigo, de Manolo Paz ou en Phreatic Zones Studi IV, de Cristina Iglesias, que recrea en cobre a estrutura dos acuíferos.

Ir máis aló dos límites establecidos no emprego dos materiais e técnicas, na conxunción da arte plástica con outras disciplinas como a literatura e a poesía, e incluso na relación da obra artística co espazo no que se exhibe son outras das características comúns no traballo das creadoras e creadores que compoñen De lugares e cousas. Por exemplo, Jaume Plensa compón en We unha figura humana única, reflexiva e transparente formada por letras de oito alfabetos distintos. Hai tamén pezas homenaxe a outras correntes e artistas anteriores, como a escultura en equilibro Homage to the Square, de José Dávila, realizada a partir da teoría da percepción e a interacción da cor de Josef Albers, e outras irónicas, ata humorísticas, que revisan a modernidade da escultura e da pintura e o seu papel na sociedade actual, como as obras de Isidoro Valcárcel Medina ou David Bestué.

Arte ao alcance de todas

O conselleiro de Cultura fixo fincapé tamén na importancia de acoller na Cidade da Cultura, ao alcance de todos os galegos, unha escolma tan valiosa como a da Colección de Arte Banco Sabadell, que ten o seu fogar habitual nos espazos da entidade. Esta colaboración, así como outras que o Gaiás vén forxando con museos e coleccionistas privados de todo o mundo, permite que visitantes tanto de Galicia como do resto de España, poidan gozar de exposicións ás que non terían acceso doutra maneira.

Ademais, a versatilidade do Museo Centro Gaiás consolídao como un espazo capaz de albergar mostras de todo tipo, lonxe dos centros expositivos tradicionais, ofrecendo un programa diverso, transversal e de grande acervo cultural.

De lugares e cousas abre as súas portas ao público hoxe venres en horario de tarde, e poderá visitarse no segundo andar do Museo Centro Gaiás ata o 16 de abril de 2023. Conta con entrada de balde, de martes a domingo e de 10,00 a 20,00 horas, e visitas comentadas, tamén gratuítas, para as que se pode reservar praza a través da web da Cidade da Cultura.

A Colección de Arte Banco Sabadell

A Colección de Arte Banco Sabadell foise ampliando ao ritmo do crecemento do banco. A maioría das obras son actuais e, como é habitual, foron adquiridas pola súa calidade artística, o seu valor innovador e o que poidan supoñer de investimento, ademais do seu valor decorativo. En tal sentido, cómpre lembrar que unha das cuestións que a singularizan é, precisamente, a función de decoración dos espazos de traballo e de relación cos clientes e os accionistas do banco. Daquela, valores e estética conxúganse para se converter nun elemento destacado da imaxe e da marca Banco Sabadell.