Esta mañá, por terras de Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía e Ourense

O delegado territorial da Xunta en Ourense participa na 10ª etapa do proxecto Galicia Camiño Emprendedor

Gabriel Alén sinalou que a finalidade é apoiar ás persoas que teñen en mente iniciar un proxecto empresarial mediante un proceso de mentoring a través da realización das etapas do Camiño de Santiago

A etapa de hoxe desenvolveuse baixo o enunciado: o emprendemento como modelo de integración e xerador de igualdade de oportunidades

Gabriel Alén destacou a oportunidade dos participantes para mellorar os seus proxectos e xerar contactos profesionais para avaliar o seu modelo de negocio e elaborar un novo plan de acción

Ourense, 21 de outubro de 2022.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou hoxe na 10º etapa do proxecto Galicia Camiño Emprendedor co que emprendedores galegos están a percorrer tramos do Camiño da man da Xunta e a Fundación Ronsel para impulsar o talento e o emprego; baixo o lema escollido para esta nova edición do programa, 12 etapas, 12 retos.

Gabriel Alén sinalou que os obxectivos son os de promocionar Galicia e o Camiño de Santiago como destino de lecer e actividade económica, percorrendo algunha etapa de todos os roteiros oficiais do Camiño de Santiago e pasando polas 4 provincias galegas, apoiar aos e as profesionais autónomos e empresarios e empresarias, acompañándolles na consolidación e mellora dos seus negocios e promover a sustentabilidade nas empresas de economía social, autónomos e empresarios, vinculando os seus negocios aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

O delegado territorial explicou que nesta etapa de hoxe, polo Camiño Mozárabe ou Vía da Plata, que discorreu por terras de Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía e Ourense baixo o reto da Viabilidade do emprendemento no rural, coa finalidade de apoiar ás persoas que teñen en mente iniciar un proxecto empresarial mediante un proceso de mentoring a través da realización das etapas do Camiño de Santiago. Nesta edición está prevista a participación dunhas 200 persoas entre emprendedores e mentores.

Gabriel Alén destacou a oportunidade dos participantes para mellorar os seus proxectos e xerar contactos profesionais para avaliar o seu modelo de negocio e elaborar un novo plan de acción, no caso de que sexa preciso, sempre da man dunha mentora ou mentor que se adapta á realidade de cada emprendedor.

Cada etapa, ademais de ter como obxectivo principal a mellora dos proxectos participantes e a xeración de contactos profesionais, terá como obxectivo transversal o seu propio reto. Cada reto representa algo que queremos construír, defender e promocionar, por pequeno que sexa, dentro do noso emprendemento, e contribuír así á sustentabilidade e a igualdade de oportunidades na nosa contorna.

Os retos que se propoñen acadar nesta ocasión están en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Na etapa de hoxe desenvolveuse o enunciado: o emprendemento como modelo de integración e xerador de igualdade de oportunidades.

A próxima etapa, a do mes de novembro, desenvolverase polo Camiño Portugués da Costa entre A Guarda e Baiona entre os días 10 e 11 de novembro baixo o lema intelixencia emocional: xestionemos mellor as nosas relacións profesionais. O programa rematará en decembro en Santiago de Compostela, coincidindo coa capitalidade da economía social que este ano ostenta a cidade galega.

O proceso de mentoring é a clave deste programa, en palabras Gabriel Alén, co fin de intercambiar experiencias profesionais e vitais que contribúan a facer do emprendemento “unha forza impulsora en Galicia”. A iniciativa desenvólvese desde o ano 2017 e conxuga a cultura galega co propósito de dinamizar o emprego en Galicia.

Os interesados en participar nas próximas etapas poden inscribirse a través da propia Fundación Ronsel, a páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade ou a Oficina do Autónomo de Galicia.






Imaxes relacionadas