A Xunta destaca en Pontevedra o importante papel dos profesionais do deseño para a competitividade do sistema galego de innovación

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou hoxe no 10º Encontro Nacional de Deseño, onde animou aos creadores participantes a rexistrarse no Mapa de Provedores do Deseño Galego, unha plataforma para conectar a oferta de servizos do sector coa demanda empresarial

O Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 - Diferenza foi concibido como unha iniciativa compartida que apoia o labor dos principais axentes do ecosistema de deseño e que cre na importancia de crear rede

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participará mañá nunha mesa redonda centrada na relación entre deseño, innovación, artesanía e moda, na que tamén participarán as artesás Mercedes Veites e Inés Rodríguez

Pontevedra, 21 de outubro de 2022 A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou hoxe o esforzo pioneiro realizado pola Xunta durante os últimos catro anos para contribuír a que todos os profesionais do deseño se sintan parte efectiva do Sistema Galego de Innovación.

Durante a súa intervención no 10º Encontro Nacional de Deseño (ENAD), en Pontevedra, Argerey fixo balance do primeiro ano de execución do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 - Diferenza, que lle dá continuidade ao esforzo iniciado pola Xunta en 2018 co obxectivo de proxectar a capacidade do deseño tanto para crear valor como para potenciar a produtividade e o acceso a novos mercados das empresas galegas.

A directora da Axencia Galega de Innovación subliñou que Diferenza busca fortalecer a economía creativa ou economía laranxa en Galicia, contribuíndo así a impulsar o investimento en activos intanxibles. Tamén destacou que o programa foi concibido como unha iniciativa compartida que apoia o labor dos principais axentes do ecosistema de deseño e que cre firmemente na importancia de crear rede.

Argerey animou aos asistentes ao ENAD a coñecer e rexistrarse no Mapa de Provedores do Deseño Galego, o primeiro catálogo online de profesionais do sector en Galicia e o seu obxectivo é impulsar o coñecemento e o contacto entre estes profesionais e empresas de calquera rama de actividade interesadas en contratar os seus servizos.

Entre as demais iniciativas de Diferenza destacadas pola directora da Axencia Galega de Innovación ante unha nutrida representación da comunidade española de deseño, figura o programa DeseñaPeme, a primeira liña de axudas específicas para que as microempresas e pemes galegas melloren a súa capacidade de innovación e sostibilidade a través da incorporación do deseño estratéxico.

Tamén subliñou as inciativas de recoñecemento ás boas prácticas, como os Premios Galicia de Innovación e Deseño, e as actividades de impulso á comunidade do deseño, tanto as organizadas directamente pola Xunta –o encontro anual con motivo do Día Mundial do Deseño Industrial, talleres e workshops, que ata agora sumaron máis de 2.000 participantes– como as lideradas por entidades asociativas, ás que presta o seu apoio –como os Premios Paraugas, a Galicia Design Week e o ENAD–.

Participación de Artesanía de Galicia

Pola súa banda, a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, moderará mañá sábado, ás 19 horas, unha mesa redonda centrada no deseño sostible e na súa relación coa artesanía e coa moda. Xunto a ela, participarán as artesás Mercedes Veites, do obradoiro Lumecú (Vilar de Santos), e Inés Rodríguez, do obradoiro RIR & Co Diseño Textil (Allariz), que forman parte da marca Artesanía de Galicia e están especializadas na artesanía téxtil, ademais de Lola Dopico, directora da Escola de Moda Estemga da Universidade de Vigo.

Durante a mesa redonda, as artesás falarán dos seus proxectos artesanais que destacan pola incorporación da innovación e da sostibilidade nos seus obradoiros da provincia de Ourense. Mercedes Veites é a creadora de Lumecú, un obradoiro de elaboración de roupa e complementos inspirado no traxe tradicional e moi vinculado ao Entroido do sur de Ourense. A tradición é a base do seu proxecto e, en paralelo, conta cunha liña de deseño contemporáneo coa que busca levar o traxe tradicional á rúa e incorporalo a prendas actuais para vestir no día a día.

Pola súa parte, Inés Rodríguez centra a súa actividade artesanal no deseño de tecidos en tear, nos que busca a incorporación de novos materiais, formas e texturas. O seu obradoiro é un modelo dentro do sector artesán galego de implementación da innovación nos seus procesos de traballo, dende a escolla de materiais (chegando mesmo á creación de materiais innovadores), investigación, a elaboración de pezas e a diversificación de negocio que o leva a entrelazar a súa produción con outros sectores e innovando dende a tradición do oficio do tecido artesanal de baixo lizo. No ano 2021 Inés Rir&Co Deseño Téxtil resultou gañadora do I Certame de Materiais Innovadores de Galicia, convocado por Gain, na categoría Artesanal pola súa manta D-LEITE. Trátase dun tecido elaborado con fibra de proteína láctea, un material absorbente, antibacteriano, hipoalerxénico e biodegradable, que favorece a creación dun vínculo sensorial entre a nai e o bebé.

Inés RIR&CO Deseño téxtil destaca polo seu esforzo de investigación en novos materiais que despois aplica ao tecido artesanal. O seu tecido Vagalume, elaborado a través da combinación de liño raión con fibra óptica de cristal, nace da investigación co Materfad en Barcelona e coa empresa Eurofibroptics co obxectivo de realizar un proxecto artesán cunha forte compoñente tecnolóxica. Vagalume está exposto na Materioteca de Galicia ubicada no CIS Galicia de Ferrol.

O Encontro Nacional de Deseño está a ter lugar en Galicia por segundo ano consecutivo, organizado pola Red Española de Asociaciones de Diseño (READ) e a Asociación Galega de Deseño (DAG), coa colaboración da Xunta de Galicia.