A Xunta promove a música galega no Womex de Lisboa cunha misión comercial de 12 empresas baixo a marca Galiciantunes

A delegación galega ofrece unha recepción internacional na que participa o director da Axencia Galega das Industrias Culturais e difunde os últimos traballos de máis de 30 artistas e formacións musicais cara aos 2500 profesionais acreditados

A cantautora galega Sheila Patricia actuou onte seleccionada directamente pola organización da feira dentro do programa oficial de concertos do escenario local Lusofónica Stage
 

Lisboa (Portugal), 21 de outubro de 2022 Doce empresas da industria musical galega operan esta semana co apoio da Xunta de Galicia no Womex (World Music Expo), a maior feira profesional da música tradicional e de raíz, que celebra a súa 28ª edición en Lisboa ata o domingo. A delegación galega, que supón a representación na capital lusa de máis de 30 artistas, ocupa un expositor específico baixo a marca común GalicianTunes. 

Precisamente unha das citas destacadas do programa galego en Womex tivo lugar esta mañá no edificio Altice Arena, sede do espazo feiral, onde se ofreceu unha recepción a unha selección a delegados de Womex nun acto que contou coa participación do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e como parte das accións de internacionalización da cultura galega impulsadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. De feito, esta mesma semana, a Xunta mantén iniciativas de proxección exterior no mercado audiovisual MIPCOM de Cannes e na Feira do Libro de Frankfurt. 

As compañías promotoras, discográficas e de management acreditadas son Aritmar, Esquío, Lospregos, JAU, Luneda, Bolboreta, Mare, Mirmidón, MusicArte, Nalgures, Nordesía e PlayPlan.  

Ademais da artista Sheila Patricia, que actuou na tarde de onte, tamén están en Lisboa os músicos Budiño, Xacobe Martínez Antelo, Xisco Feijoo, Uxía e Alberto Vilas; en tanto que os grupos e artistas representados polas súas compañías son, entre outros, Caldo, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Lydia Botana, Cuarteto Caramuxo, Susana Seivane, Ailá, Luar na Lubre, SÉS, Adhara & Ritman, Eduardo Coma Quinteto Cimarrón, La Casa de los Ingleses, Robert Pier, Álvaro Iglesias, Andrea Pousa, Dios Ke Te Crew, Fixe Trío, SonDeSeu, Abe Rábade, A Pedreira, García Mc & Nación Quilombo, LaMontagne & PicoAmperio, Sabela, SonDaRúa, Tanxugueiras, Sumrrá ou Orquestra Galega de Liberación. 

Sheila Patricia con Orixe

Un dos momentos importantes da misión comercial galega en Womex tivo lugar onte á tarde coa actuación da cantante redondelá Sheila Patricia na selección oficial de concertos da feira no marco do escenario local Lusofónica Stage. No recital, que tivo lugar no Cinena São Jorge, presentou Orixe diante de axencias distribuidoras e prensa especializada de todo o mundo. Trátase do seu primeiro LP e tamén do seu proxecto máis ambicioso e persoal, no que aposta polas súas raíces musicais con tinguiduras de vangarda e mesmo ritmos de world music, confirmándose como unha das voces máis prometedoras do actual panorama musical galego. 

Contidos específicos desde GalicianTunes

Ademais, durante os días de feira, o expositor instalado pola Xunta está a ser o epicentro de reunións dos integrantes da delegación galega, desde o que se emite tamén material audiovisual de promoción de todos os artistas, nunha acción conxunta que se reforza estes días desde os contidos elaborados expresamente para Womex na web e nas redes sociais de GalicianTunes.  

Womex está considerado o maior acontecemento internacional para a difusión da música de raíz de todo o mundo, xa que inclúe unha feira profesional con máis de 250 stands, 60 concertos en formato showcase, conferencias nas que participan máis dun cento de oradores e mentores, un DJ Summit, unha programación de cine documental arredor da música e unha convocatoria anual de premios. Mantén ademais unha plataforma virtual para intensificar a relación entre os axentes acreditados durante todo ano. Cada edición atrae uns 2500 delegados e 1200 empresas de máis dun cento de países, entre os que se contan 800 programadores, máis de 500 selos discográficos, editoras e distribuidoras, así como 300 xornalistas. 

Despois da cita deste ano en Lisboa, a organización xa anunciou que en 2023 Womex volverá por terceira ocasión a Galicia, xa que se celebrará na cidade da Coruña do 25 ao 29 de outubro do ano que vén. Será o terceiro Womex en terras galegas, tralas súas anteriores edicións de 2014 e 2016 en Santiago de Compostela.

 

Imaxes relacionadas