A Xunta e a CEL presentan o II Foro Think Tank, que terá lugar o luns en Pantón e centrarase no potencial da Ribeira Sacra

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o secretario da entidade, Jaime López, presentaron hoxe os detalles da xornada, que elevou as prazas a 70 e xa ten o aforo completo

Lugo, 21 de outubro de 2022.-

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias Fouz, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, presentaron hoxe en Lugo o II Foro Think Tank que nesta ocasión leva por título “Ribeira Sacra: aposta de futuro”, unha das múltiples iniciativas que ambas entidades levan organizando por toda a provincia no marco do programa Conecta Lugo.

 

Este encontro terá lugar no Balneario Augas Santas de Pantón e contempla tres mesas de traballo nas que se afondarán nas fortalezas e debilidades de sectores clave na zona sur da provincia, como o turístico, o agroalimentario ou o vitivinícola. Tamén se adiantará información sobre as novas liñas de axudas que se están preparando dende a Xunta de cara ao vindeiro exercicio.

 

Esta acción conxunta da CEL e da Xunta de Galicia aposta por ofrecer ferramentas ás pemes que lles permitan avanzar en innovación e competitividade. Neste sentido, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou a gran resposta dos empresarios para esta nova convocatoria que parte, ao igual que a que se fixo na Mariña Lucense, co aforo completo.

 

Arias Fouz apuntou que “este éxito de participación significa que hai un programa e unhas mesas de traballo de interese que os empresarios consideran que van ser de utilidade”. Trátase dunha iniciativa enmarcada no Conecta Lugo, coa que o Goberno Galego está a implementar moitas liñas de axudas para diferentes sectores, que están contando ademais coa resposta dos emprendedores que deciden abrirse á innovación e a futuras iniciativas, grazas ás moitas posibilidades que ofrece a Ribeira Sacra para o sector do turismo.

 

Pola súa banda, Jaime López suliñou que “o II Foro Think Tank superou todas as expectativas: nos tres primeiros días cubríronse xa as prazas inicialmente previstas, cincuenta; foi tal a demanda que decidimos ampliar o aforo con vinte prazas máis para acoller ao maior número de interesados”.

 

Destacou tamén que se “percibe moito interese en coñecer de primeira man casos reais de empresas que están tendo éxito” e que “as empresas son conscientes de que participar en foros como este permite xerar sinerxías entre negocios complementarios na súa actividade e tamén facilitan a colaboración público – privada, de demostrada utilidade para o desenvolvemento dun territorio”.

 

Clausura a cargo do vicepresidente económico

O programa do foro comprende tres mesas de traballo: “Excelencia e sustentabilidade como camiño no turismo”; “O potencial do sector agroalimentario” e “O viño como porta ao mundo”. Nelas participarán representantes de entidades da Xunta como a Axencia Galega de Innovación, o Igape, a Axencia Galega de Turismo de Galicia ou Agacal, así como do C.R.D.O Ribeira Sacra e empresas como Vinigalicia, Galletas Daveiga, Alibós, Arias Moniz ou Máis que Románico, entre outras. O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación clausurará o evento.

 

Na páxina web da CEL pódese consultar o programa completo e formalizar inscrición, se ben polo momento as novas reservas de praza pasarán directamente a lista de espera.

 

O foro Think Tank súmase a outras liñas de axudas implementadas pola Xunta de Galicia para avanzar en competitividade, como os préstamos directos do Igape, ás axudas á incorporación do deseño como ferramenta de innovación e sustentabilidade, subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética ou para accións de promoción exterior.

 

Imaxes relacionadas