A Xunta reforza o apoio ao eido local galego cun incremento superior ao 15% nos orzamentos de 2023

Anunciouno hoxe o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes nunha visita ao concello ourensán de Castrelo de Miño, onde o Goberno galego vén de colaborar na adquisición dunha máquina escavadora

Diego Calvo avanzou a creación dunha nova liña de axudas aos concellos, destinada a financiar accións de mellora enerxética e que contará cunha dotación de 2,6M€

O Executivo autonómico mantén así o compromiso coas entidades máis próximas á cidadanía, a prol do desenvolvemento equilibrado do territorio galego
 

Castrelo de Miño (Ourense), 21 de outubro de 2022.-

A Xunta reforza o seu apoio ao eido local galego cun incremento superior ao 15% nos orzamentos de 2023 destinados a este ámbito, que se sitúan así por riba dos 20M€. Anunciouno hoxe o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, nunha visita a Castrelo de Miño, onde o Goberno galego vén de colaborar con 60.000 euros na adquisición dunha máquina escavadora para mellorar a rede municipal de abastecemento e de saneamento.

 

No marco das políticas de apoio á Administración local Diego Calvo destacou a nova liña de axudas que se porá en marcha para financiar actuacións de eficiencia enerxética nas instalacións municipais, cunha dotación de 2,6M€. A medida cofinanciarase con fondos Feder co obxectivo de acadar concellos climaticamente neutros a través da modernización das infraestruturas municipais e a promoción das enerxías renovables.

A Xunta reforza así a súa aposta pola sustentabilidade das administracións públicas galegas. Nesta liña cómpre sinalar que os concellos xa se benefician do Fondo de Compensación Ambiental, que en 2023 mantén o orzamento de 11M€ e que suma un investimento superior aos 116M€ nos últimos anos. Entre as accións subvencionables do fondo inclúese a mellora da eficiencia enerxética das instalacións e edificios municipais e a utilización de enerxías renovables, así como accións a prol da conservación da biodiversidade e protección do espazo natural.

A maiores, o vicepresidente segundo referiuse a outras medidas de apoio específicas para os concellos galegos, como o Fondo de Cooperación Local, que lles permite a estas entidades participar nos orzamentos da Xunta. Ao abeiro deste Fondo de Cooperación Local, en 2023 disporase de 16,6M€ máis para axudas aos concellos destinadas a melloras enerxéticas e ambientais ou á adquisición de maquinaria, entre outras accións.

 

Axudas ás infraestruturas de uso público

Neste marco de acción inclúese tamén a Orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5M€ e que manterá esta contía en 2023. Destinada a municipios de menos de 30.000 habitantes, esta medida permite mellorar infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. O Plan coordinado de loita contra a avespa velutina, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias, dotado con 1,8M€ e a Orde de renting para vehículos de Policía Local, que dispón de 1,6M€, son outras das principais iniciativas do Goberno galego a prol da Administración local.

 

Por outra banda, no apoio ao eido local Diego Calvo apuntou o importante papel desenvolvido polas asociacións veciñais, comunidades de augas e mulleres rurais, que contan tamén cunha liña de axudas específica. “A importancia destas entidades e a boa acollida que rexistra cada ano o Plan específico de acción comunitaria fai que en 2023 manteñamos o incremento do 20% realizado este ano e volvan dispoñer de 3M€ para mellorar as súas instalacións e outras accións que facilitan a súa actividade dinamizadora”.

 

Preto de 570.000 euros investidos en Castrelo de Miño

Segundo indicou Diego Calvo, a aposta da Xunta pola sustentabilidade ambiental e económica dos concellos galegos traduciuse en Castrelo de Miño nun investimento de case 570.000 euros nos últimos anos. Entre as achegas máis recentes está a de 60.000 euros para a adquisición dunha máquina escavadora, xa que, segundo informou o concello, o estado de deterioración da rede de abastecemento e saneamento, con continuas avarías, urxía dispoñer desta maquinaria para evitar perdas e cortes na subministración de auga.

 

Xunto a esta medida de apoio, enmarcada nos obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental, Castrelo de Miño beneficiouse tamén este ano dunha axuda para unha brigada de protección do medio natural e doutras para a reparación do firme do camiño de Vilela a Santo Tomé e para o acondicionamento da edificación para parque de maquinaria do ambiente urbano, protección civil e emerxencias. 

 

Na súa intervención, Diego Calvo destacou a implicación dos concellos a prol da sustentabilidade e incidiu no compromiso da Xunta para reforzar o seu apoio ás administracións locais, como entidades máis próximas á cidadanía. O obxectivo das medidas é facilitar o desenvolvemento equilibrado do territorio galego, de xeito que os concellos poidan prestar servizos de calidade á veciñanza con independencia do seu lugar de residencia, a prol da calidade ambiental e da prevención e mitigación de efectos adversos sobre o medio natural.

Imaxes relacionadas