Diego Calvo mostra o apoio da Xunta ao deporte da loita en Galicia

O vicepresidente segundo da Xunta asistiu ao combate da loitadora galega Nerea Pampín para optar á medalla de bronce do campionato do mundo sub-23 de loita feminina

Pontevedra, 21 de outubro de 2022 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, asistiu hoxe ao combate disputado por Nerea Pampín fronte á loitadora de Casaquistán para optar á medalla de bronce do campionato do mundo sub-23 de loita feminina que se está a celebrar en Pontevedra, e no que a galega resultou derrotada.

Tanto o vicepresidente segundo coma o secretario xeral estiveron xa na xornada de onte neste evento deportivo que forma parte dos nove Campionatos do Mundo de Loitas Olímpicas que acolle a cidade. Desde a Xunta queren así manifestar o seu apoio á representación galega, na que están, xunto a Nerea Pampín, Vanesa Muíños, María José Raja, Ramón Placer, Marcos González, José Manuel Eyo e Pablo, e cuxa participación nestes mundiais é xa un motivo de orgullo para o deporte galego.

Cómpre sinalar tamén o compromiso da Xunta coa disciplina da loita, así como a colaboración coa maior competición deste deporte organizada en España desde os Xogos Olímpicos de 1992, cunha achega de 60.000 euros.

Imaxes relacionadas