A conselleira do Mar visitou hoxe en Vilaboa o proxecto de rehabilitación do Forno do Cal

A Xunta destina en 2023 máis de 11 M€ aos grupos de acción local do sector pesqueiro para garantir o seu labor na transición ao novo Fondo Pesqueiro Europeo

O fin é que os GALP continúen coa súa actividade de dinamización socioeconómica das zonas costeiras ao tempo que avanzan nas novas estratexias de desenvolvemento local participativo que rexerán no próximo período de programación financeira

Os oito grupos de Galicia desenvolveron desde a súa creación no 2016 máis de 660 proxectos que permitiron aportar máis de 230 millóns de euros á economía galega e a creación de máis de 4.600 empregos directos e indirectos

A rehabilitación do Forno do Cal en Vilaboa realizouse ao abeiro do GALP Ría de Vigo-A Guarda e permitiu converter este elemento do patrimonio industrial da vila nun novo atractivo turístico

Esta tarde a titular de Mar visitará Laxe para coñecer de primeira man outro proxecto do GALP Costa da Morte de posta en valor e musealización da carpintería de ribeira

Vilaboa (Pontevedra), 21 de outubro de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe en Vilaboa o proxecto de rehabilitación do Forno do Cal realizado ao abeiro grupo de acción local do sector pesqueiro (GALP) Ría de Vigo-A Guarda. Alí destacou a aposta da Xunta por estes grupos aos que nos orzamentos de 2023 destina máis de 11 millóns de euros para garantir a súa actividade durante a transición ao novo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (Fempa).

O obxectivo deste esforzo orzamentario, subliñou Rosa Quintana, é que os grupos manteñan a súa actividade ao tempo que avanzan da man do Executivo galego nas novas estratexias de desenvolvemento local participativo que rexerán no próximo período de programación financeira. Nesta liña, lembrou que Galicia é unha das primeiras rexións costeiras en levar a cabo estas tarefas coas que aspira a continuar impulsando a economía azul e as comunidades pesqueiras e acuícolas.

Ademais a titular de Mar puxo en valor o papel vital destes grupos na dinamización socioeconómica das zonas costeiras. Un exemplo da súa importancia son os máis de 660 proxectos desenvolvidos desde a súa creación no ano 2016. A actividade económica xerada por estas iniciativas permitiu aportar máis de 230 millóns de euros á economía galega, preto dun 0,4% do produto interior bruto (PIB) de Galicia, e a creación de máis de 4.600 empregos directos e indirectos.

 

A isto engadiu que os máis de 38 millóns de euros destinados a estas iniciativas e cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) supuxeron un investimento global de máis de 80 millóns de euros cos preto de 43 millóns de investimento privado. Na visita a conselleira estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

Os oito grupos de acción local do sector pesqueiro que hai en Galicia son asociacións sen ánimo de lucro colaboradoras da Consellería do Mar como axentes de desenvolvemento na aplicación das estratexias de desenvolvemento local participativo das zonas pesqueiras e na xestión e control das axudas que se tramitan para o desenvolvemento desas estratexias.

A súa actividade contribúe a mellorar a transformación, comercialización e posta en valor das producións pesqueiras, ao desenvolvemento dun sector turístico sustentable, á creación de empresas e a xeración de emprego e á diversificación do sector a través de iniciativas complementarias da actividade pesqueira como o turismo mariñeiro. Tamén promove a conservación e valorización do patrimonio natural e cultural marítimo-pesqueiro.   

O Forno do Cal

En relación ao Forno do Cal, Rosa Quintana destacou o importante labor de recuperación do patrimonio marítimo-pesqueiro realizado a través do GALP Ría de Vigo-A Guarda pois o proxecto permitiu converter este elemento do patrimonio industrial de Vilaboa nun novo atractivo turístico. Durante a metade do século XX neste forno realizábase cal e a mercadoría para poder elaborala chegaba por mar. Este produto destinábase sobre todo á construción para o encalado de vivendas co obxectivo de sanealas e protexelas da entrada de insectos. 

O proxecto de rehabilitación deste elemento recibiu unha axuda da Xunta de preto de 93.500 euros e incluíu o acondicionamento da contorna e a súa posta en valor, a través da instalación duns paneis informativos nos que se divulga a actividade industrial relacionada con este forno.

Carpintería de ribeira en Laxe

Ademais esta tarde a conselleira visitará Laxe xunto coa directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e o delegado territorial da Xunta da Coruña, Gonzalo Trenor, onde coñecerá de primeira man o proxecto de posta en valor e musealización da carpintería de ribeira deste municipio. Trátase dunha iniciativa desenvolvida ao abeiro do GALP Costa da Morte, que recibiu unha axuda de 15.500 euros e que consiste na restauración dunha embarcación de baixura para poñer en valor a carpintería de ribeira e as embarcacións tradicionais do Concello de Laxe. Esta embarcación está nunha parcela destinada a merendeiro e zona de lecer situada nun dos accesos ao núcleo principal da vila e ao seu carón hai paneis informativos con fotos do Arquivo Vidal relacionadas coa historia mariñeira e a carpintería de ribeira da zona.

Imaxes relacionadas