O vicepresidente económico participou no peche da xunta anual de socios de Deloitte en Galicia

Conde resalta que a estabilidade, a prudencia e a unidade dos Orzamentos de 2023 son as mellores bases para blindar a Galicia da incerteza económica

Apela á experiencia acumulada na xestión das contas autonómicas como unha garantía para que Galicia poida afrontar os retos que se lle presentan

Recorda que o Goberno galego mira por toda a cidadanía, tanto traballadores como autónomos e empresarios, “imprescindibles para xerar riqueza e emprego”, dixo

Santiago, 20 de outubro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, resaltou que a estabilidade, a prudencia e a unidade que motivan os Orzamentos para 2023 son as mellores bases para blindar Galicia da incerteza económica.

O vicepresidente económico participou onte no peche da reunión anual de socios de Financial Advisory de Deloitte, un acto no que puxo de manifesto a experiencia acumulada das contas autonómicas, unha garantía para que a Comunidade poida afrontar os retos que se lle presentan.

Lembrou que Galicia é a primeira autonomía de España en aprobar os orzamentos, que son “os máis altos da nosa historia” xa que ascenden a 12.620 millóns de euros, e que estipulan mil millóns máis para investir nas prioridades dos galegos e as galegas. “Nunca tiveramos á nosa disposición tantos recursos e nunca foran tan oportunos”, indicou.

Conde puxo en valor os principios de “boa gobernanza” que rexen en Galicia, sobre todo pola conxunción de catro valores: a experiencia do Goberno -un plus na aplicación de solucións-, a estabilidade -como antídoto contra a incerteza-, a prudencia -inimiga do triunfalismo- e a cohesión -unidade para saír airosos dos retos-.

O resultado -subliñou- son uns orzamentos que reforzarán os servizos públicos e de benestar, con preto de 9.400 millóns para sanidade, educación, política social e promoción do emprego. “Son 709 millóns máis que o ano pasado e, de novo, 3 de cada 4 euros irán a parar ao gasto social”, apuntou.

As contas procuran, tamén, dar un salto máis no tecido produtivo con 2.772 millóns destinados a reforzar os investimentos na estrutura produtiva, 217 máis que o ano anterior.

Gobernar para todos

Conde recordou que a Xunta “goberna para todos” e mira por toda a cidadanía, tanto traballadores como autónomos ou empresarios. Perante un auditorio que reunía aos socios galegos da firma auditora Deloitte, resaltou que o tecido empresarial galego é “imprescindible para xerar riqueza e emprego” e unha garantía “para afrontar calquera tempestade”.