A Xunta inclúe uns investimentos iniciais por 35,5 M€ para a comarca do Salnés e O Ullán no proxecto dos Orzamentos Autonómicos 2023

O delegado territorial, Luis López, informou das contas para a bisbarra nunha a visita á EDAR cambadesa de Tragove, na que se investirán 3,8 M€, e destacou as importantes actuacións en materia sanitaria, de saneamento, nos peiraos, en medio ambiente e no solo empresarial

Vilagarcía de Arousa disporá dunha das partidas máis importantes para a zona, xa que ten reservados máis de 7,6 M€ para obras de saneamento e depuración, outros 1,4 M€ para o inicio da construción do novo centro de saúde e 200.000€ para a mellora do CIFP Bouza Brey

Outros investimentos destacados na zona son a planta de residuos de Sogama en Vilanova, o colector de Cabanelas para Cambados e Ribadumia, a mellora da contorna do mercado de Sanxenxo, os saneamentos en Cambados e A Illa, a creación do novo parque empresarial de Pontecesures ou a ampliación da Lonxa de Tragove

Cambados, 20 de outubro de 2022

A Xunta de Galicia inclúe uns investimentos iniciais de 35,5 millóns de euros para a comarca do Salnés e O Ullán no proxecto de Orzamentos 2023, segundo revelou hoxe o delegado territorial, Luis López, na presentación das contas para a zona nun acto celebrado na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Tragove, no Concello de Cambados, que recibirá unha das principais partidas con 3,8 millóns de euros.

“A Xunta de Galicia é a administración que máis inviste, de longo, nestes doce concellos arousáns, xa que o punto de partida en investimentos para ambas sitúase en 35,5 millóns de euros, unha contía recollida de xeito específico e nominativo, que xurde do noso compromiso con este territorio do norte da provincia e que vaise ampliar con total seguridade a través dos plans, convenios, ordes de axudas ou novos proxectos que xurden ao longo do ano”, manifestou o representante autonómico.

O delegado territorial destacou que as actuacións máis importantes recollidas nas contas galegas para O Salnés sitúanse no ámbito sanitario, co arranque de tres novos centros de saúde; no saneamento a depuración de auga, con case 15 millóns de euros en cinco actuacións que benefician aos municipios de Vilagarcía, A Illa, Cambados e Ribadumia malia tratarse dunha competencia municipal; nos peiraos e no sector pesqueiro, mariñeiro e marisqueiro; no coidado do medio ambiente; e na creación de solo empresarial, entre outros.

“Movémonos nunha cifra inicial de investimentos moi similar á do ano pasado, oscilando entre os 30 e os 40 millóns de euros, o que demostra que o noso compromiso co Salnés é algo firme, programado e coherente, que pretende ter continuidade no tempo e dar solucións de progreso de xeito sostido, sen atender a cuestións alleas ao benestar dos cidadáns e á mellora das infraestruturas e dos servizos públicos”, concretou Luis López, que acudiu a presentar as contas para o Salnés xunto aos xefes territoriais de Infraestruturas, Mar e Medio Ambiente.

 

O Concello de Vilagarcía de Arousa vai dispoñer dunha das partidas máis importantes para a zona, xa que ten reservados case 7,6 millóns de euros para a modernización dos sistemas de saneamento e depuración, e ademais completa os seus principais investimentos autonómicos con 1,4 millóns de euros para o comezo das obras de construción do novo centro de saúde no edificio da antiga Comandancia e de 200.000 euros para a redacción do proxecto de modernización e mellora do novo CIFP Bouza Brey, cuxo montante total será de 2,8 millóns de euros nun plan plurianual.

Polo demais, outros investimentos destacados na comarca correspóndense coa planta de transferencia e tratamento de residuos de Sogama en Vilanova de Arousa, o colector de Cabanelas para mellorar o estado das augas en Cambados e Ribadumia, a mellora e urbanización da contorna do mercado de Sanxenxo, os saneamentos de Cambados e A Illa de Arousa, a creación do novo parque empresarial de Pontecesures ou a ampliación da Lonxa de Tragove, entre outros.

Principais investimentos 2023 da Xunta na comarca do Salnés e O Ullán

Vilagarcía
Novo Centro de Saúde
1.400.000
Meis

Redacción do proxecto do novo Centro de Saúde

250.000
Sanxenxo

Mellora do Centro de Saúde de Baltar

400.000
Vilagarcía

Novo TAC do Hospital do Salnés

408.000
Cambados
Ampliación da Lonxa de Tragove
726.000
Sanxenxo
Mellora do porto
181.000
Pontecesures
Creación de Parque Empresarial
2.960.000
Vilanova de Arousa

Planta de transferencia de residuos

10.300.000
Vilagarcía de Arousa
Redacción do PXOM
53.000
Catoira
Redacción do PXOM
16.000
Sanxenxo

Urbanización da contorna da Praza de Abastos

1.000.000
Cambados
Mellora do saneamento
1.050.000
Cambados/Ribadumia

Construción do Colector de Cabanelas

1.100.000
A Illa de Arousa

Modernización da depuración de auga

1.430.000
Cambados

Modernización da EDAR de Tragove

3.790.000
Vilagarcía de Arousa

Obras de saneamento e depuración

7.580.000
Pontecesures

Obras en instalacións deportivas

714.000
Vilagarcía de Arousa

Redacción do proxecto do CIFP Bouza Brey

200.000
Seis entidades
 
Obradoiros de emprego
1.960.000

Imaxes relacionadas