A Xunta consolida o recoñecemento á traxectoria profesional do persoal da Administración de Xustiza en Galicia

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, presidiu hoxe a mesa sectorial de Xustiza

Na xuntanza presentouse ás organizacións sindicais unha proposta de desenvolvemento da traxectoria profesional para o persoal ao servizo da Administración de Xustiza, á falta da regulación estatal, que tal e como establece a Lei Orgánica do Poder Xudicial ten que aprobarse por Real Decreto

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 202

A Xunta avanza na consolidación do recoñecemento á traxectoria profesional do persoal da Administración de Xustiza de Galicia, presentando antes os sindicatos, unha proposta que mellora de forma significativa o recollido no Acordo vixente do ano 2020. Así mesmo, o documento incorpora ao persoal funcionario interino para todos os corpos -médicos forenses, xestión, tramitación e auxilio xudicial-.

 

Así se acordou hoxe na mesa sectorial de Xustiza presidida polo director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e na que participaron as organizacións sindicais Sindicato Profesional de Justicia (SPJ-USO), Sindicato de Traballadores da Administración de Xustiza (STAJ), Alternativas na Xustiza (AXG-CUT), Unión General de Trabajadores (UGT), Confederación Intersindcal Galega (CIG) e Comisións Obreiras (CCOO).

 

Con esta medida o Goberno galego mellora, a falta da regulación estatal da carreira profesional por Real Decreto, o acordado nesta mesa sectorial en 2020, aprobado polo Consello da Xunta dese mesmo ano, e que establecía o sistema de carreira profesional do persoal da Administración de Xustiza galega. O avance supón o recoñecemento da progresión na traxectoria profesional, e mellora tanto as anualidades como as porcentaxes dos complementos retributivos, que acadarán o 100% entre os anos 2024 e 2025, en función dos grupos profesionais.

 

O obxectivo é seguir a avanzar no desenvolvemento da traxectoria profesional, co compromiso firme da Xunta de Galicia con este persoal de corpos nacionais. Agora as organizacións sindicais contan cun período establecido para facer as achegas e propostas que consideren oportunas á fin de poder pechar o Acordo que mellore as condicións dos empregados públicos do sector da Xustiza en Galicia.

Cómpre salientar que desde 2009 o cadro de persoal da Administración de Xustiza en Galicia medrou un 20%. Así, tras a aprobación de 57 novas prazas en 2022, para o vindeiro ano está xa prevista a creación doutras 24 prazas para dotar do persoal necesario os tres novos xulgados que se porán en marcha o próximo ano na comunidade, os xulgados de Primeira Instancia nº6 de Lugo, nº15 da Coruña e nº16 de Vigo.