Román Rodríguez anuncia que os Orzamentos da Xunta incrementan nun 52% as contías para a FP

Nunha reunión de traballo cos directores dos centros integrados de FP, avanza que é o departamento que máis medra na Consellería de Educación

 

Refórzanse as accións para a modernización destas ensinanzas e duplícanse as contías para o Plan de Emprendemento
 

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, mantivo hoxe unha reunión de traballo cos directores dos centros integrados de FP de Galicia onde avanzou as contías contempladas nos Orzamentos 2023 para a Formación Profesional. Neste sentido, destacou que este é o departamento que máis medra porcentualmente da Consellería, un 52%.

 

Neste sentido, anuncioulles que as contas do Goberno galego do ano 2023 reforzan o compromiso con estas ensinanzas, nas que a nosa Comunidade é un referente a nivel estatal. En concreto, apostarase pola súa modernización, un apartado no que as contías medran un 68%, 9,4M€ máis. Deste xeito, poderanse seguir despregando as accións da Estratexia de FP Galicia 2030, dotada con 900M€ ata 2024.

 

Ademais, o Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, Eduemprende, practicamente duplica os seus fondos, elevándoos a máis de 400.000€. Cómpre lembrar que esta iniciativa é o marco de fomento do espírito emprendedor no ensino e abre as portas, a través dos viveiros de empresa, a moitas iniciativas de negocio dos titulados na FP galega.

 

Román Rodríguez agradeceu aos directores o traballo que realizan no día a día dos centros, grazas ao que neste curso Galicia conta coa FP con máis prestixio da historia, con máis oferta, máis matrícula (preto de 61.000 alumnos) e con máis profesorado. Así mesmo, puxo en valor a aposta pola I+D+i, coa apertura do novo Centro de Innovación da FP en Ourense.