A Xunta duplica o orzamento para apoiar a adquisición de vehículos eléctricos e a implantación de puntos de recarga
Rueda destaca a aposta do Goberno galego por “promover unha mobilidade máis respectuosa co medio ambiente” e que contribúa “ao aforro da cidadanía ao reducir o consumo de combustible”
Resalta que o programa Moves III disporá de 40,5 millóns de euros tras obter a ampliación solicitada no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGeneration, para chegar ao maior número de beneficiarios posible
Avanza que o Goberno galego aspira a “mobilizar 200 millóns de euros, promover aforros económicos de máis de 5 millóns de euros ao ano nos custos de combustible”, así como reducir o impacto de CO2
Lembrou que xa se concederon 2.594 axudas por un importe total de 11,6 millóns de euros e unha mobilización que supera os 77 millóns
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 31 de decembro de 2023
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello avaliou na reunión desta mañá a ampliación do Moves III, o programa de incentivos á mobilidade eléctrica, que contará cun total de 40,5 millóns de euros. Deste xeito, Galicia duplica o orzamento dirixido ás axudas para que cidadáns, autónomos ou pequenos empresarios merquen vehículos eléctricos ou instalen puntos de recarga.
Conta cun orzamento de 40,5 millóns de euros e, segundo debullou o mandatario galego, con este programa aspírase a mobilizar “200 millóns de euros e promover aforros económicos de máis de 5 millóns de euros ao ano nos custos de combustible”, así como acadar unha redución de CO2.
Así, o presidente informou de que, nestes momentos, “xa se concederon un total de 2.594 axudas por un importe superior aos 11,6 millóns de euros e unha mobilización de máis de 77,4 millóns”. En concreto, outorgáronse 2121 axudas para a adquisición de vehículos por 8,8 millóns de euros, e 473 para a instalación de puntos de recarga por 2,8 millóns.
Dúas liñas de axuda
Rueda explicou que a primeira liña de axudas ten como obxectivo fomentar a adquisición de vehículos eléctricos, híbridos enchufables ou de pila de combustible e as achegas “oscilan entre os 700 como mínimo e os 9000 euros como máximo” por vehículo e en en función do tipo de solicitante, características do vehículo ou uso, entre outras cuestións. O presidente aclarou que os particulares só poden dispoñer de apoios para a compra dun vehículo, mentres que o resto de beneficiarios –entre os que se encontran autónomos e pemes– poden solicitar ata 50 por ano –fronte os 30 de límite na anterior edición–.
As axudas contribuirán a seguir avanzando na descarbonización do transporte, reducir os custos enerxéticos dos propietarios de vehículos e fomentar unha rede pública e privada de puntos de recarga.