Arias destaca que a Xunta destinará máis de 2 M€ en 2023 a modernizar o equipamento do Hospital Público da Mariña

O delegado territorial de Lugo explica que as partidas xa territorializadas dos orzamentos autonómicos consignan fondos para incorporar unha resonancia e renovar o TAC
 

Tres empresas presentaron ofertas para executar as obras de adaptación do espazo necesario para instalar a resonancia
 

Tamén hai financiamento previsto para licitar os proxectos de construción de novos centros de saúde, como é o caso do de Ribadeo, que xa asinou un protocolo coa Consellería de Sanidade para iniciar a adquisición da parcela

Burela (Lugo), 20 de outubro de 2022 O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe que os orzamentos autonómicos para 2023 reservan máis de 2 millóns de euros para modernizar o equipamento tecnolóxico no Hospital Público da Mariña. 

 

No transcurso dunha visita ao centro, Arias subliñou que “o incremento récord previsto para gasto social en Galicia, con 4.967 millóns destinados á sanidade pública, dá unha idea da prioridade que supón este ámbito para a Xunta”.

 

No caso concreto deste hospital comarcal, as partidas xa territorializadas consignan fondos para incorporar unha nova resonancia magnética fixa -810.742 euros- e un equipo de tomografía computerizada (TAC) -408.035 euros -, ambos xa adxudicados.

 

Ademais, asígnanse 890.308 para executar os traballos de adaptación do espazo que acollerá a resonancia. Arias avanzou que ao proceso de licitación das obras concorreron tres empresas e está previsto adxudicar a actuación en breve, co obxectivo poñer en marcha os novos servizos o antes posible.

 

“O Goberno galego continúa así coa súa aposta por achegar máis e mellores dotacións a este complexo hospitalario”, subliñou Arias, quen lembrou que a Xunta leva investidos 15 millóns de euros para a súa reforma, ampliación e equipamento.

 

En canto ao ámbito da Atención Primaria, o delegado resaltou que os orzamentos de 2023 reservan 500.000 euros para licitar os proxectos de novos centros de saúde contemplados no plan de mellora de infraestruturas deste nivel asistencial, como é o caso do ambulatorio de Ribadeo, que xa asinou un protocolo coa Xunta para iniciar a adquisición da parcela na que se construirá o futuro edificio.

 

Imaxes relacionadas