A Xunta convoca para os días 2 e 3 de novembro as probas para obter ou renovar o certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada ou ferrocarril

Os exames realizaranse na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago, e efectuaranse por quendas, en xornada de mañá, segundo o tipo de exame a renovar ou obter

Trátase das probas válidas para todas as clases de transportes e especializadas en diferentes mercadorías: explosivos, gases, materias radioactivas, sólidas ou líquidas, entre outras

A Directiva 96/35/CE do Consello, do 3 de xuño de 1996, establece que as empresas de transportes de mercadorías perigosas designen conselleiros coa formación axeitada e o procedemento de avaliación correspondente

Santiago de Compostela 20 de outubro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para os vindeiros días 2 e 3 de novembro das probas de obtención e renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril.

 

Estas probas obrigatorias de competencia profesional terán lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela, e efectuaranse por quendas, en xornada de mañá, segundo o tipo de exame a renovar ou obter.

 

Trátase das probas válidas para todas as clases de transporte e especializadas segundo o tipo de mercadorías: explosivos, gases, materias radioactivas, sólidas e líquidas ou líquidas inflamables, entre outras.

 

Os aspirantes deberán presentarse ás probas 15 minutos antes do comezo de cada exercicio, provistos do orixinal do seu documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, e serán citados en chamamento único, quedando excluído da súa realización que non compareza.

 

Na resolución que publica hoxe o DOG complétanse as instrucións de funcionamento e desenvolvemento das probas coas indicacións adecuadas para garantir a súa correcta operatividade, sen prexuízo das que, para o mesmo fin, poida adoptar no mesmo momento da súa realización. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información sobre os horarios e instrución para o desenvolvemento destes exercicios: https://cutt.ly/TB1PuQw

A proba que deben superar as persoas aspirantes na modalidade de obtención do certificado de capacitación profesional de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas constará de dous exercicios: o primeiro, consiste en responder 50 preguntas tipo test; o segundo, céntrase en supostos sobre as tarefas do conselleiro, con referencia ao ámbito do modo do transporte e á especialidade correspondente. No caso das persoas aspirantes na modalidade de renovación do citado certificado, deberán responder a 50 preguntas tipo test.

 

Exixencia de certificado

Cómpre lembrar que a Directiva 96/35/CE do Consello, do 3 de xuño de 1996, exíxelles ás empresas destas materias respectar as regras en prevención, polo que deben designar conselleiros que posúan unha formación profesional adecuada.

 

Pola súa parte, o Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro, regula a obriga destas empresas a designar conselleiros coa cualificación profesional exixida e o procedemento de avaliación da formación requirida.