A Xunta colabora nunha campaña de reciclaxe solidaria promovida por Ecoembes para apoiar a Asociación de Dano Cerebral de Lugo cunha doazón económica

Durante o partido que disputarán este domingo o CD Lugo e o Burgos, animarase aos afeccionados a depositar envases lixeiros, papel e cartón nas papeleiras instaladas no estadio Anxo Carro, ao tempo que se organizarán actividades de sensibilización
 

A Consellería de Medio Ambiente salienta a importancia deste tipo de iniciativas para impulsar a economía circular en Galicia e, especificamente, no eido deportivo

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2022 A Xunta de Galicia colabora con Ecoembes na campaña Somos especiais, RECICLAMOS, unha iniciativa de reciclaxe de carácter solidario que este domingo recalará na cidade de Lugo co fin de apoiar economicamente a unha entidade social a nivel local.

 

En concreto, a actuación desenvolverase no estadio Anxo Carro —de titularidade autonómica— durante o partido que o CD Lugo e o Burgos disputarán este domingo pola tarde, de forma que a reciclaxe de envases que se leve a cabo durante o enfrontamento traducirase ademais nunha doazón económica destinada a colaborar coa Asociación de Dano Cerebral de Lugo (Adace).

 

No marco desta iniciativa, que conta tamén co apoio do Concello de Lugo, animarase aos afeccionados que acudan ao partido a reciclar os seus envases depositándoos nalgunha das 43 papeleiras amarelas e azuis distribuídas por todo o estadio, onde haberá tamén animadores de Ecoembes organizando actividades de carácter divulgativo e de sensibilización dirixidas ao público asistente.

 

Así, instalarase unha carpa informativa onde os afeccionados poderán achegarse e resolver as súas dúbidas sobre reciclaxe e organizarase un xogo no que se convidará aos asistentes a “golear aos residuos”, de forma que os contedores farán as veces de porterías. Por último, entre todos os participantes sortearanse 5 camisetas do CD Lugo asinadas polo equipo, e daráselles un agasallo sostible polo feito de participar.

 

Esta campaña busca unir deporte, compromiso medioambiental e sensibilización social para prestar apoio a pacientes e ás súas familias, contribuíndo ao desenvolvemento de actividades terapéuticas e lúdicas que poidan aliviar a súa situación. Cómpre lembrar que antes do evento organizado co apoio do CD Lugo, Somos especiais, RECICLAMOS xa logrou implicar en iniciativas similares ao CD Leganés e ao Bilbao Basket, logrando en ambos casos unha gran acollida por parte dos afeccionados.

 

Neste sentido, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda decidiu implicarse e colaborar na campaña tendo en conta a importancia deste tipo de iniciativas que, ademais de ter unha clara vocación solidaria, buscan contribuír a impulsar a economía circular en Galicia e, especificamente, no eido do deporte de alta competición.

 
De feito, cada vez máis entidades e clubes deportivos galegos colaboran de forma activa na promoción da recollida selectiva de residuos no interior das súas dependencias e instalacións, un labor de concienciación entre os afeccionados a todo tipo de deportes que tamén ten unha incidencia directa e positiva sobre as taxas de recuperación de envases lixeiros, papel e cartón da Comunidade.

Imaxes relacionadas