A conselleira de Infraestruturas supervisou hoxe os traballos da 1ª fase do hospital público, que en 2023 incrementa nun 78% a partida orzamentaria para materializar un impulso definitivo ás obras

Ethel Vázquez avanza que a Xunta reforzará o vindeiro ano o esforzo investidor en Pontevedra con case 64 M€ para as obras do Hospital Público de Montecelo

Destaca que xa está executado o 60% da estrutura armada da ampliación, avanzando na torre de hospitalización, a ‘Z’ que singulariza o novo edificio, con gran parte da tabicaría de ladrillo disposta, ao igual que as cubertas e fachadas

Detalla que se está a avanzar tamén para acadar este mesmo ano o andar 9, o último, nas zonas máis adiantadas, e concluír a estrutura do búnker de radioterapia

Explica os avances na estrutura do basamento da zona que estivo afectada pola necesidade de retranquear a tubaxe do gas, e o comezo xa do subministro e instalación dos baños modulares na zona de hospitalización pediátrica

Remarca que a Xunta está a mobilizar un investimento de 134 M€, con 2.600 postos de traballo aparellados, para blindar a mellor atención sanitaria a máis de 300.000 galegos de 26 municipios da área

Subliña o reforzo dos investimentos do Goberno galego en Pontevedra o vindeiro ano, con investimentos de 10 M€ no saneamento da ría con importantes actuacións no eido da mobilidade sostible

Pontevedra, 20 de outubro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta reforzará o vindeiro ano o esforzo investidor en Pontevedra con case 64 M€ para as obras do Hospital Público de Montecelo.

 

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Manuel Flores, supervisou esta tarde a evolución destas obras, nas que neste momento están a traballar 180 operarios.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade constatou que os traballos en execución desta 1ª fase do novo hospital, a maior obra pública que está en marcha na cidade, avanzan a pleno rendemento tras un comezo de ano complicado, fundamentalmente pola afección do paro do transporte e a crise no subministro dos materiais.

Precisou que na actualidade o groso dos traballos está centrado na torre de hospitalización, esa ‘Z’ que singulariza o novo edificio.

 

Concretou que está executado xa o 60% da estrutura armada, con gran parte da tabicaría de ladrillo xa disposta, ao igual que as cubertas e as fachadas, onde se traballa xa na envolvente e na carpintería de aluminio.

 

Séguese tamén avanzando en altura, co obxectivo de acadar, antes de rematar o ano, o andar 9, o último nas zonas máis avanzadas, ademais de concluír, tamén neste ano, a estrutura do búnker de radioterapia.

 

Paralelamente, avánzase xa na estrutura do basamento da zona que estivo afectada pola necesidade de retranquear a tubaxe do gas, onde está concluída a fase de baleirado e as escavacións.

 

A titular de infraestruturas apuntou, ademais, o comezo xa do subministro e instalación dos baños modulares na zona de hospitalización pediátrica e que, progresivamente, se vai achegando xa a imaxe final do novo Hospital Montecelo.

 

Ethel Vázquez fixo fincapé no importante esforzo investidor nos últimos anos nesta obra que, segundo afirmou, será aínda maior en 2023, tras a aprobación, onte no Consello da Xunta, dos maiores orzamentos da historia da Comunidade Autónoma. Estas contas, un total de 12.620 M€, destinaranse a impulsar o apoio ás familias, ao sector empresarial e ao fortalecemento dos servizos públicos, remarcou.

 

Segundo detallou a conselleira, os Orzamentos da Xunta para 2023 prevén un investimento de case 64 M€ no hospital público de Montecelo, unha cantidade que incrementa nun 78% a partida actual, e que debe permitir materializar o vindeiro ano o impulso definitivo ás obras.

 

Salientou que o Goberno galego, ademais de reforzar o esforzo investidor en Pontevedra para o Hospital de Montecelo, dará tamén un novo impulso ao saneamento da ría, cun investimento de 10 M€, e desenvolverá importantes actuacións no eido da mobilidade sostible, entre outras.

 

134 M€ na execución 1ª fase do Hospital de Montecelo e 2.600 postos de traballos

Ethel Vázquez salientou que se trata dunha obra emblemática, tanto polo volume de investimentos que mobiliza, cun orzamento de 134 M€, como desde o punto de vista do emprego, xa que a súa execución leva aparellados 2.600 postos de traballo.

 

Ademais, salientou o seu carácter de obra estratéxica, en canto permite blindar a mellor atención sanitaria para unha poboación de máis de 300.000 galegos de 26 municipios desta área sanitaria.

 

Con esta obra, que executa a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade por encomenda da Consellería de Sanidade, vaise incrementar en 120 o número de camas, conseguindo que case o 60% dos cuartos pasen a ser individuais, fronte ao 36% actual.

 

Tamén se aumentan os postos do hospital de día e os quirófanos e vaise case duplicar os postos de urxencias, ademais de reforzar con especial intensidade a área materno-infantil. Todo isto no marco dun hospital amable, humano e centrado na atención ás persoas, subliñou a conselleira.

Imaxes relacionadas