O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, avanza as principais novidades dos Orzamentos para 2023

Román Rodríguez anuncia a rehabilitación integral da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón cun investimento de 1 M€

Subliña que a cidade de Lugo concentra o maior número de proxectos educativos en marcha, por un importe de máis de 12 M€
 

As contas autonómicas recollen tamén a rehabilitación integral do instituto Lucus Augusti por case 2,9 M€, dos cales 200.000€ están consignados para o vindeiro ano
 

No caso concreto da Ramón Falcón, explica que o “importante esforzo inversor” traducirase “nunha significativa mellora do aforro enerxético e do confort para o seu alumnado
 

O proxecto está en fase de supervisión e será licitado no primeiro trimestre do ano
 

A actuación incluirá a renovación de ventás e vidros, dos aleiros da cuberta, o cambio de luminarias por outras de baixo consumo e a substitución da actual caldeira de gasóleo por outra de biomasa
 

A intervención enmárcase no compromiso medioambiental do Goberno Galego e da aposta polas eficiencia e a sostenibilidade

Lugo, 19 de outubro de 2022 A Xunta de Galicia vén de consignar nos Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2023 unha partida de 1 M€ coa cal se vai acometer a rehabilitación integral da Escola de Arte e Superior de Deseño, EASD Ramón Falcón, de Lugo. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, nunha visita a este centro de ensinanzas de réxime especial.

 

Román Rodríguez deu conta do proxecto, que nestes momentos está en supervisión, e que, segundo dixo, “a previsión é que estea concluído antes de que remate este ano co obxecto de sacalo a licitación no primeiro trimestre de 2023”.

 

Esta importante obra que, en palabras do conselleiro, “suporá unha considerable mellora dos aforros enerxéticos e do confort”, reflicte o compromiso da Xunta de Galicia coa mellora de infraestruturas educativas en Lugo.

 

Non en balde, esta cidade é a que concentra o maior esforzo inversor da Xunta en toda Galicia neste ámbito, cun abano de obras de envergadura en marcha que suman máis de 12M€, entre as que se atopan, ademais da anunciada hoxe na Ramón Falcón, as rehabilitacións integrais do colexio Paradai e dos institutos Anxel Fole, Lucus Augusti e Ollos Grandes ou o centro de biomasa que dará servizo ao complexo no que se sitúan estes dous IES xunto co CIFP Politécnico, o colexio Anexa e a Facultade de Formación do Profesorado. 

 

Edificio singular

No caso concreto da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, Román Rodríguez aproveitou a visita ao centro para felicitar ao equipo docente e aos alumnos polo cincuenta aniversario cumprido en 2020 e cuxa celebración se retrasou a este ano debido á pandemia.

 

“Estamos nun dos edificios máis destacados da arquitectura luguesa do último terzo do século XX, que foi inaugurado, nada menos que polos Reis de España, no ano 1970. Cremos que chegou o momento de sometelo a unha renovación acorde coas novas esixencias de sostenibilidade que temos recollidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia”, abondou.

 

Precisamente no marco do compromiso medioambiental do Goberno Galego e da aposta polas eficiencia e a sostenibilidade, a Consellería de Educación está a traballar nun plan de mellora enerxética que permita optimizar o consumo dos centros educativos.

 

Así mesmo, os Orzamentos 2023 incrementan nun 7,5% a partida de gastos de funcionamento que a Consellería transfire aos centros educativos para facer fronte á factura enerxética nos próximos meses.

 

Descrición do proxecto

A falta de pechar o proxecto definitivo, a rehabilitación integral da Ramón Falcón suporá a renovación das ventás e dos vidros de todo o centro así como dos aleiros da cuberta e o cambio da iluminación existente por luminarias tipo LED.

 

A maiores tamén se substituirá a actual caldeira de gasóleo por unha de biomasa, co conseguinte aforro enerxético e medioambiental.

 
Esta é unha das catro Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Galicia, na que uns 240 estudantes cursan estudios superiores de grao en Deseño de interiores e en Deseño gráfico, así como de ciclos formativos de grao superior de Gravado e estampación, de Cerámica artística ou de Fotografía e de grao medio de Serigrafía artística.

Imaxes relacionadas