Máis de 3.000 comerciantes galegos sumáronse xa ao Bono Activa Comercio, que os clientes poderán descargar a partir do luns

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, presentou esta iniciativa en Monforte de Lemos, onde xa se adheriron máis de 30 establecementos en tan só seis días

Na primeira edición do programa participaron 814 establecementos da provincia de Lugo, onde houbo 28.835 beneficiarios

Os orzamentos da Xunta para 2023 destinan 24 millóns de euros para seguir impulsando a competitividade do comercio galego

Monforte de Lemos (Lugo), 19 de outubro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, presentou esta tarde en Monforte o Bono Activa Comercio, un programa a cuxa segunda edición xa se sumaron en tan só seis días máis de 3.000 comerciantes galegos, unha trintena na localidade lucense.

 

Conde, que visitou a Librería Agrasar, ademais de Ada Home e Calzados Losal, sinalou que a partir do próximo luns, 24 de outubro, e ata o 31 de decembro os clientes poderán descargarse a través da web bonosactivacomercio.gal bonos desconto por 30 euros, que poderán empregar nos comercios finalmente adheridos. O ano pasado realizáronse en Monforte preto de 2.400 descargas. Na provincia de Lugo mobilizáronse máis de 280.000 euros, con 814 establecementos adheridos e 28.835 beneficiarios

 

O orzamento que se destina á segunda edición desta iniciativa é de 5 millóns de euros, coa previsión de chegar a mobilizar 17 millóns en compras no comercio de proximidade de toda Galicia. A principal novidade deste ano é que se amplían os tramos de desconto e os importes, de tal xeito que para compras a partir de 20 euros e inferiores a 30, o desconto será de 5 euros; para compras a partir de 30 e inferiores a 50, será de 10 euros; e para os que superen os 50 euros o desconto será de 15 euros.

 

O Bono Activa Comercio ten un dobre obxectivo e así, por un lado busca axudar á economía das familias e aliviar o impacto da inflación na capacidade de gasto dos fogares galegos, e por outro, incentivar as compras no comercio de proximidade en datas clave para a actividade comercial.

 

O vicepresidente económico subliñou que se trata de dinamizar o consumo e de apoiar un sector moi importante para a economía e a calidade de vida das vilas e cidades galegas. Neste sentido, Conde apuntou que os esforzos da Administración autonómica se centran en promover a súa modernización e competitividade impulsando a dixitalización e comercio en liña e a sustentabilidade. Para eses e outros obxectivos, os orzamentos para 2023 destinan 24 millóns de investimento.

Imaxes relacionadas