O director de Industrias Culturais participa na presentación dos catro eixos desta iniciativa, que dá comezo o domingo 23 cun evento multidisciplinar en Vilar de Santos

O rural de Lugo e Ourense reinvindica a súa vitalidade no inicio de ‘Aldearmos’ ao abeiro do programa da Xunta ‘Territorio Cultura’

Forma parte da quincena de propostas públicas e privadas adxudicatarias da primeira convocatoria deste fondo, a través do que se investirá preto de 1,3M€ na ampliación e diversificación da oferta cultural galega en zonas non urbanas

Desenvolvido polas entidades da Rede Aldear, este proxecto articularase arredor de itinerancias artísticas, accións socioeducativas en centros escolares, intervencións científicas e unha oficina móbil de promoción en economía social
 

Ourense, 19 de outubro de 2022.-

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación en Ourense de Aldearmos, proxecto para a dinamización do rural das provincias de Lugo e Ourense integrado no programa da Xunta Territorio Cultura. Esta iniciativa colaborativa das entidades da Rede Aldear forma parte da quincena de propostas adxudicatarias da primeira convocatoria do fondo que xestiona a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, a través do que se investirá preto de 1,3 millóns de euros en iniciativas públicas e privadas para ampliar e diversificar a oferta cultural en zonas non urbanas.

 

A Facultade de Historia acolleu este acto, no que Sutil interveu xunto a Elena Rivo, vicerreitora do Campus de Ourense da Universidade de Vigo; Óscar Penín, secretario de Aldear, e Noemí Vázquez, socia desta rede como xerente da Arca da Noe, en Vilar de Santos. Esta sala será precisamente unha das sedes, xunto ao Museo da Limia, do evento inaugural de Aldearmos, que terá lugar o vindeiro domingo 23 neste concello ourensán.

 

A cultura como motor de cambio

O responsable de Industrias Culturais da Xunta felicitou á Rede Aldear por esta nova iniciativa conxunta, que entronca cos obxectivos de Territorio Cultura no sentido de “ampliar o noso tecido cultural máis alá dos grandes núcleos urbanos e contribuír, xa que logo, a incrementar a actividade cultural do rural, entendida como un motor de cambio, dinamización e transformación social”. A primeira quenda de adxudicacións do programa “está a supoñer xa unha incidencia directa en núcleos rurais de 40 municipios, nos que se desprega cunha ampla variedade de iniciativas de creación, investigación, difusión e formación en cinema, música, artes escénicas, plásticas ou literatura”, especificou.

 

Lembrou, así mesmo, que Galicia foi a primeira Comunidade autónoma en poñer en marcha este programa, a través da súa propia convocatoria de subvencións dentro do plan para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas que contempla o Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU.

 

En referencia á proposta presentada por Aldear, subliñou as diferentes vertentes a través das que reivindica a vitalidade do rural e contribúe a asentar nel iniciativas culturais. No proxecto participan diferentes entidades sen ánimo de lucro que conforman esta rede, como A Casa Vella (Allariz), Ruralisto (Os Blancos), Eco dos Teixos (Carballeda de Valdeorras), Casa Quindos (Cervantes), Boán Uno, Cinema Pelleiriso e Sacra Experience (Chantada), Fundación Uxío Novoneyra (Folgoso do Courel), Asociación Cultural Xermolos (Guitiriz), Sil Producciones (Nogueira de Ramuín), The Foundry (Ourol), A Casa do Río (Palas de Rei), Outonía SCoop e Patio da Tola (Quiroga) e a devandita A Arca da Noe.

 

Catro eixes de traballo

Aldearmos artéllase arredor de catro eixes, o primeiro dos cales −Aldear Itinerancias− arranca coa cita deste domingo en Vilar de Santos. Desenvolverase neste caso unha ducia de eventos ata marzo para amosar prácticas e espectáculos de vangarda, creados para as zonas menos poboadas e para fomentar o intercambio entre os socios da rede.

 

O programa do día 23 despregarase tanto na Arca da Noe, cos concertos de Pan sen Fron (13,30 h.) e David Regueiro (18,30 h.), os contos de Anxo Moure (16,00 h.) e o espectáculo de música e danza Camiños que volven (20,00h.) a cargo de Mounqup e Nuria Sotelo, como no Museo da Limia, que acollerá o Coro da Universidade do Campus de Ourense (11,30 h.), a montaxe Pepa Loba polo Teatro de Coles (17,00 h.), a presentación da Rede Aldear (13,00 h.) e o primeiro relatorio de Aldear Campus Auga: Cara a unha agricultura máis sustentable: Alternativas aos produtos de síntese química, por David Fernández Calviño.

 

Este último é outro dos eixes de Aldearmos, articulado como intervencións científicas en contextos non académicos a través do que unha decena de investigadores de primeira liña do campus ourensán presentarán os resultados dos seus estudos nas comarcas do interior, buscando unha interlocución co público amena e didáctica.

 

O proxecto complétase con outras dúas liñas de traballo: Aldear na escola, arredor 18 xornadas socioeducativas en centros escolares do rural, e Aldear acompaña, que funcionará como unha oficina móbil para a promoción económica centrada na economía social, da man de especialistas como Uxío Novo ou Óscar Penín.

 

Imaxes relacionadas