A Xunta destinará 24M€ nos orzamentos de 2023 a seguir impulsando a competitividade do comercio de proximidade galego

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, reitera no Parlamento o compromiso da Administración autonómica co sector


Apunta que máis de 3.000 negocios se inscribiron xa ao Bono Activa Comercio, co que se prevé mobilizar 17 millóns de euros e chegar a máis de 160.000 clientes


Esta iniciativa, na que os consumidores galegos poderán acceder a descontos de 30 euros a partir do 24 de outubro, busca axudar á economía familiar e incentivar a actividade comercial nunhas datas clave
 

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2022 A Xunta destinará 24 millóns de euros nos orzamentos de 2023 a seguir impulsando a competitividade do comercio de proximidade galego. O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, reiterou esta mañá no Parlamento o compromiso da Administración autonómica co sector, sinalando que se seguirá apostando pola dixitalización, a formación e novos mecanismos de cooperación, como un hub específico de innovación comercial.

 

Entre as diferentes medidas que se están poñendo en marcha desde o Executivo galego, Conde referiuse ao Bono Activa Comercio, no que máis de 3.000 negocios se inscribiron xa en tan só seis días. A esta iniciativa destínanse 5 millóns de euros, coa previsión de mobilizar 17 millóns de euros en compras, con descontos de 30 euros que os consumidores galegos poderán descargar a partir do próximo luns, 24 de outubro. A campaña estará operativa ata o 31 de decembro, co obxectivo de chegar a máis de 160.000 persoas.

 

Tal e como destacou Francisco Conde, a iniciativa ten un dobre obxectivo. Dunha banda, búscase axudar á economía das familias, e por outra, incentivar a actividade comercial nunhas data clave. A principal novidade deste ano é que se amplían os tramos de desconto e os importes, de tal xeito que para compras a partir de 20 euros e inferiores a 30, o desconto será de 5 euros; para compras a partir de 30 e inferiores a 50, será de 10 euros; e para os que superen os 50 euros o desconto será de 15 euros.