A Xunta defende o modelo eólico de Galicia e insiste en que só se aprobarán proxectos que se axusten á normativa

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, avogou no Parlamento galego por un sector eólico que conxugue o progreso económico e a creación de emprego con todas as garantías ambientais, legais e técnicas

Lembra que tramitar non é autorizar e que se están adoptando medidas garantistas como a prohibición de implantar novos parques en espazos de Rede Natura recollida no plan sectorial eólico, a moratoria de ano e medio, a limitación na distancia de aeroxeradores ou a prioridade para proxectos que destinen un 50% da enerxía que produza a industria asentada en Galicia
 

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2022

.- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, ratificou esta mañá no Parlamento galego que a Xunta de Galicia non aprobará ningún proxecto eólico que non se axuste á normativa. Deste xeito, defendeu un sector eólico capaz de conxugar o progreso económico e a creación de emprego con todas as garantías ambientais, legais e técnicas.

 

Neste sentido, estanse compaxinando medidas de axilización administrativa co total respecto a estas garantías. Entre as medidas adoptadas destacan o plan sectorial eólico coa prohibición de implantar novos parques en espazos de Rede Natura, a moratoria de ano e medio en vigor desde principios de ano para tramitar coas máximas garantías preto de 300 expedientes, a limitación na distancia dos aeroxeradores con respecto aos núcleos de poboación -pasando de 500 metros a cinco veces a altura do aeroxerador-, ou a prioridade para os proxectos que destinen, cando menos, un 50% da enerxía que produzan á industria asentada en Galicia.

 

Un traballo que se está realizando coa máxima transparencia a través da rede de información provincial aos concellos, a oficina para orientar aos propietarios de terreos ou a guía divulgativa sobre a tramitación de proxectos eólicos.

 

Conde incidiu en que tramitar non é autorizar como tampouco o é declarar un proxecto de especial interese. Así enfatizou que non se aprobará nada que non se axuste á normativa e lembrou que a Xunta non aplica a tramitación express aprobada polo Goberno e que exixe unha avaliación ordinaria para os proxectos en tramitación. Neste sentido explicou que nos dous últimos anos desde a Xunta se emitiron máis de 2400 informes en relación con proxectos eólicos. Tamén se ten solicitado ao Goberno central que amplíe os prazos de tramitación recollidos no Real Decreto Lei 23/2022 para facilitar o desenvolvemento dos proxectos eólicos.

 

O Goberno galego defende a importancia de reforzar a capacidade de xeración renovable da comunidade para facer fronte á situación actual de elevados prezos enerxéticos. Esta aposta inclúe tamén o hidróxeno verde, os gases renovables, os biocombustibles, a eólica mariña ou o almacenamento enerxético, pois Galicia ten a oportunidade de aproveitar de xeito sostible os seus recursos en favor de impulsar unha transición xusta e ordenada. Por iso, en 2023 destinarase o maior investimento público da historia de Galicia en materia enerxética.