O Sergas publica a resolución dos novos seleccionados no concurso de méritos de facultativo especialista de atención primaria

Na actualidade, quedan por adxudicar 15 das 106 prazas ofertadas

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2022 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a resolución pola que se publica a relación de novas persoas aspirantes seleccionadas no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal fixo da categoría de facultativo especialista de atención primaria.

 

Neste proceso participan 355 persoas aspirantes, para cubrir un total de 106 prazas. O pasado 29 de setembro realizouse o acto de elección de prazas, resultando adxudicadas 91 das 106 prazas ofertadas. Nesa primeira quenda, cubríronse todas as prazas das áreas sanitarias de Santiago-Barbanza e Ferrol.

 

Nestes intres quedan por adxudicar 15 prazas: 6 na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 4 na área sanitaria de Vigo; 3 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e 1 en cada unha das áreas sanitarias da Coruña e Cee, e na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

 

Co obxecto de adxudicar as 15 prazas publicase a resolución, abrindo un prazo dez días para que os seleccionados, como as posibles reservas aporten a documentación necesaria para o seu nomeamento. Recibida a documentación realizarase a convocatoria para o acto de elección de destino.

 

Próximas actuacións

 
Co obxecto de conseguir a incorporación aos centros de saúde dos facultativos especialistas en atención primaria, está previsto que neste mes de outubro tomen posesión os 91 aspirantes que xa elixiron destino.