A Policía Autonómica esclarece en colaboración coa UIFO un incendio forestal no Concello coruñés de Ames

O lume, rexistrado o pasado agosto, debeuse ao lanzamento de foguetes durante as festas patronais na parroquia de Ameixenda


No que vai de ano, a Policía Autonómica leva detidas ou investigadas 49 persoas como presuntas autoras de incendios forestais
 

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2022  Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica en Santiago de Compostela en colaboración coa Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) veñen de esclarecer o incendio forestal rexistrado o pasado 26 de agosto no concello coruñés de Ames. O lume produciuse na parroquia de Ameixenda e afectou 1.300 metros cadrados de superficie arborada.

 

Segundo a inspección ocular feita na área queimada, o incendio debeuse ao lanzamento de foguetes durante as festas patronais do lugar. En consecuencia, resultou investigada unha persoa xurídica.

 

O atestado policial foille remitido ao Xulgado de Instrución en funcións de Garda de Santiago de Compostela.

 

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva detidas ou investigadas 49 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.

 
A Xunta continúa apelando á concienciación e á prudencia de cara a evitar incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.