A Sociedad Española de Directivos de Atención Primaria en Galicia recoñece tres iniciativas innovadoras da sanidade galega

O proxecto de atención ao paciente con covid persistente, a Xestión Integral da Demanda en Equipo (XIDE) en Culleredo e Lugo e o programa de promoción da saúde sexual e prevención de condutas de risco en O Carballiño, galardoados co II Premio Sedap-Ferrer Galicia

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2022 Tres proxectos innovadores da sanidade galega foron recoñecidos hoxe pola Sociedad Española de Directivos de Atención Primaria en Galicia. Na entrega do II Premio Sedap-Ferrer Galicia, celebrada no salón de actos da Consellería de Sanidade e presidida polo secretario xeral técnico deste departamento, Alberto Fuentes, distinguíronse tres iniciativas destacadas que o Goberno galego desenvolveu no ámbito da atención primaria.

Concretamente, a atención ao paciente con covid persistente, proxecto desenvolto pola xerencia da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos e polo centro de saúde de Illas Canarias, en Lugo, foi recoñecido como iniciativa de promoción e prevención da saúde e pola súa contribución á mellora dos resultados en saúde de pacientes e familiares.

Este proxecto, no que tamén participaron a Fundación para a Formación e Investigación da Sociedad Española de Médicos Generales e de Familia (SEMG) e polo centro de saúde de Menasalbas (Toledo) e de Fuentes de Ebro (Zaragoza), dedícase ao estudio da covid-19 como enfermidade emerxente persistente, e o seu obxectivo principal é incrementar o coñecemento desta afección para mellorar a atención sanitaria e a saúde dos doentes.

Outra das iniciativas premiadas no ámbito da prevención foi o programa de promoción da saúde sexual, emocional e prevención de condutas de risco na mocidade “A Revolución teenager”, posto en marcha polo centro de saúde de O Carballiño. A iniciativa pretende promocionar entre os adolescentes unha saúde emocional e sexual sen condutas de risco a través dun obradoiro celebrado en dous centros educativos da zona.

O terceiro proxecto premiado foi o de Xestión Integral da Demanda en Equipo (XIDE) posto en marcha no centro de saúde Illas Canarias, en Lugo, e no centro de saúde de Culleredo (A Coruña), que destacou na categoría de medidas innovadoras que melloran a xestión dos procesos asistenciais. O XIDE é un programa informático para a citación de pacientes que, en función do motivo da consulta expresado polo doente, establece o tempo de atención, o modo de atención inicial e o profesional ou profesionais que prestarán a citada atención.

Trátase, en definitiva, de proxectos elaborados no ámbito local por profesionais de atención primaria. Iniciativas que pretenden implantar melloras na organización dos centros de saúde e dos procesos asistenciais. Os galardóns recoñecen o valor na innovación en atención primaria e destacan as iniciativas máis novidosas que poden ser extrapoladas ao resto dos servizos.

A esta convocatoria presentáronse un total de 12 proxectos, que foron avaliados por un comité de expertos profesionais da cátedra de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC con experiencia en formación e investigación. Estes profesionais avaliaron varios ítems e seleccionaron as tres candidaturas que obtiveron mellor puntuación en cada un deles.

A atención primaria, peza esencial na calidade do Sergas

Durante o acto de clausura da entrega de galardóns, o secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, recoñeceu o traballo dos equipos directivos e dos profesionais de atención primaria. "Ambos sodes as dúas pezas esenciais para consolidar de maneira sólida a calidade do Servizo Galego de Saúde, tanto no acceso do paciente ao sistema sanitario, como no seguimento integral que precise no transcurso da súa enfermidade".

Alberto Fuentes destacou o cambio organizativo que está a poñer en marcha a Xunta, "unha transformación necesaria para manter a atención primaria da nosa comunidade como unha referencia nacional e internacional". Neste sentido referiuse aos Plans Locais de Saúde, deseñados de maneira multidisciplinar polos propios profesionais dos centros de saúde, e que obtiveron moi boa valoración por parte dos cidadáns. “Xa están presentes en 14 centros, e a final de ano acadaremos os 28", dixo.

O secretario xeral da Consellería de Sanidade lembrou finalmente que o Goberno galego é consciente da importancia crucial que ten a atención primaria para prestar unha atención de calidade aos cidadáns e agarda "que poidamos seguir afondando, en colaboración cos profesionais, nas reformas necesarias para fortalecer e mellorala, para que siga a ser un modelo de referencia en España e no mundo".

Imaxes relacionadas