A Xunta detecta un foco de influenza aviaria nunha explotación de visóns na provincia da Coruña

O caso detectouse no marco da vixilancia pasiva realizada en explotacións de visóns, tras a aparición dun número anormalmente elevado de visóns enfermos e mortos

Os resultados foron confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete, laboratorio de referencia nas enfermidades animais

Ao tratarse dun caso de saúde pública, a Xunta de Galicia decidiu resolver o sacrificio dos animais e a eliminación dos posibles materiais da explotación que puideran constituír unha fonte de contaxio

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2022 A Xunta de Galicia vén de detectar un foco de influenza aviaria A (H5N1) nunha explotación de visóns localizada na provincia da Coruña. Este subtipo de virus é o que se vén detectando nos casos de influenza aviaria rexistrados en España no último ano, tanto en aves domésticas como en aves silvestres.

O caso detectouse tras a aparición na granxa de animais enfermos con sintomatoloxía respiratoria, así como un incremento anormal da mortalidade nela, polo que se tomaron mostras para o diagnóstico de varias enfermidades, entre elas a enfermidade provocada polo virus Sars-Cov-2, así como a influenza. Como resultado destas análises, detectáronse dous casos positivos á influenza A (H5N1), que foron comunicados inmediatamente ás autoridades de Saúde Pública.

Tras recibirse os resultados, a granxa -que conta con 8.369 femias reprodutoras e 43.617 crías destetadas- foi inmobilizada polos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural, determinando a prohibición de entrada e saída de animais e doutros materiais que puideran vehicular o virus e o censado dos animais presentes. Tamén se restrinxiu a entrada e saída de vehículos externos e de persoas alleas á explotación, ademais de levar a cabo o reforzo de todas as medidas de bioseguridade e de limpeza e desinfección, así como a adopción de medidas que minimizaran o contacto do persoal da granxa cos visóns. Así mesmo, realizouse a correspondente enquisa para efectuar os oportunos estudos epidemiolóxicos.

Ao tratarse dun caso de saúde pública, a valoración de risco realizada coordinadamente entre as Consellerías de Sanidade e do Medio Rural levou a que a Xunta de Galicia decidira resolver o sacrificio dos animais e a eliminación dos posibles materiais da explotación que puideran constituír unha fonte de contaxio, así como a rigorosa limpeza e desinfección da granxa tras o despoboamento da mesma.

Por outra banda, aínda que non existe unha regulación específica sobre as actuacións a desenvolver no caso de aparición de virus influenza en granxas de visóns, a Consellería do Medio Rural iniciou actuacións de vixilancia nas explotacións avícolas e de visóns existentes arredor do foco, co fin de detectar a existencia dalgunha outra explotación afectada, así como establecer medidas de confinamento no caso das aves e de reforzo das medidas de bioseguridade. Así mesmo, prohibirase na zona a celebración de concentracións de aves e a solta de aves cinexéticas para repoboación.