O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visita o instituto de Caldas de Reis

Román Rodríguez anuncia que os orzamentos de 2023 inclúen unha partida específica para a ampliación do instituto Aquis Celenis, cuxo importe se eleva a 3,75M€

As contas do ano que vén contemplan 200.000€ para a redacción do proxecto da obra

O novo andar do edificio estará totalmente adaptado ás especificidades técnicas do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e contará cunha superficie total de 2.372 m²

A actuación ten como fin dar resposta ás necesidades de escolarización e avanza na consecución dos obxectivos da folla de ruta para a modernización dos centros
 

Caldas de Reis (Pontevedra), 18 de outubro de 2022.-

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe o instituto plurilingüe Aquis Celenis de Caldas de Reis, onde anunciou que os Orzamentos 2023, aprobados hoxe no Consello da Xunta, inclúen unha partida específica para a ampliación do centro. Ademais, explicou que a contía para esta actuación se eleva a 3,75M€, 250.000€ máis dos previstos inicialmente.

 

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia sinalou que os 200.000€ recollidos nas contas do ano que vén van dirixidos á redacción do proxecto de ampliación do instituto de Caldas, unha vez xa se asinou o correspondente convenio co Concello para a obtención dos terreos lindeiros para a habilitación dun aparcadoiro, para outorgar as licenzas e para a reurbanización, entre outras cuestións.

 

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Tal e como sinalou Román Rodríguez, o obxectivo desta actuación é dar resposta ás necesidades de escolarización deste concello, toda vez que na actualidade o centro ten dúas aulas por cada curso de ESO e tres por cada curso de Bacharelato, “un total de 392 alumnos, o que obriga a ocupar todos os espazos dispoñibles, incluídos departamentos e salas de profesores”.

 

A ampliación do centro realizarase en vertical, é dicir, construíndo un novo andar sobre os xa existentes. Cunha superficie total construída de 2.372 m², o novo espazo estará totalmente adaptado ás especificidades técnicas do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e dotado de aulas polivalentes para ESO e Bacharelato, aulas de música e debuxo e zona maker. Así mesmo, haberá unha zona para o uso docente, aseos, ximnasio e vestiarios.

 

“Con esta obra seguimos avanzando na consecución dos grandes fitos do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para a modernización dos centros educativos cun novo modelo de escolas poscovid” destacou o conselleiro, lembrando que, neste momento, o nivel de execución prevista para o período 2021-2024 roza xa o 50%, cun total de 439 obras en marcha desde 2021 por un importe de máis de 91M€ sobre os 191M€ totais.

Imaxes relacionadas