A Xunta publica no DOG o informe de impacto ambiental do proxecto de mellora dos accesos ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña

Remata a tramitación ambiental do deseño dos accesos do Novo CHUAC, garantindo ao máximo a integración e a funcionalidade, co menor impacto visual e integrados na trama urbana da cidade

Trátase da conformación dunha parte importante do anel viario de acceso ao complexo hospitalario para que estea en funcionamento cando se execute a parte principal da obra do Novo CHUAC, á que a Xunta destinará máis de 500 M€ para dotar a área da Coruña dun hospital de vangarda

Na actuación inclúese un aparcadoiro provisional na superficie, na parte superior do anel, e a mellora do enlace coa AC-12, así como unha saída provisional cara á estrada AC-10, que estará operativa durante a execucións das obras do Novo CHUAC

Aténdense as alegacións e informes presentados, modificando a glorieta sobre la AC-12 e trasladándoa ao lado do CHUAC, reducindo o seu impacto visual, e minimizando tamén a afección ao muro do pazo existente baixo a AC-12

A Xunta segue a traballar coa previsión de que o proxecto íntegro do Novo CHUAC e a utilidade pública dos terreos poida estar aprobado definitivamente nos primeiros meses de 2023

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2022

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o informe de impacto ambiental do proxecto de mellora da funcionalidade e seguridade de accesos ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

 

Mediante esta publicación ponse fin á tramitación ambiental ao deseño dos accesos do Novo CHUAC, garantindo ao máximo a integración e a funcionalidade, co menor impacto visual e integrados na trama urbana da cidade.  

 

Deste xeito, o informe da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático conclúe que non é necesario someter o proxecto a avaliación de impacto ambiental ordinaria, dado que a actuación realízase sobre un entorno antropizado e urbanizado.  No mesmo, o organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda establecen as condicións ás que se dará cumprimento no proxecto e na execución das obras, nas que se levará a cabo un programa de vixilancia e seguimento ambiental. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a Información: https://acortar.link/Rnxoyf

 

A tramitación do anel viario de acceso ao Novo CHUAC

Trátase da conformación dunha parte importante do anel viario de acceso ao complexo hospitalario que modo que estea en funcionamento cando se execute a parte principal da obra do Novo CHUAC.

 

Nesta actuación inclúese un aparcadoiro provisional na superficie, na parte superior do anel, na que non se afecta a ningunha vivenda.

 

Na intervención, engádese tamén, a mellora do enlace coa AC-12, e unha saída provisional cara á estrada AC-10, que estará operativa durante a execucións das obras do Novo CHUAC.

 

Durante a tramitación da avaliación ambiental simplificada, cuxo período de consultas foi iniciado en abril deste ano, solicitáronse informes e suxestións os interesados, recibíndose 9 informes de administracións, así como 80 alegacións.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, tendo en conta os informes, modificou a proposta inicial da glorieta sobre la AC-12, trasladándoa ao lado do CHUAC. Deste modo, redúcese o impacto visual da infraestrutura viaria e minimízase tamén a afección ao muro do pazo existente baixo a estrada AC-12.

 

Ademais, para a obtención do informe favorable do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana en materia de estradas, a Xunta asumirá a titularidade do tramo da AC-12, de 3 quilómetros da avenida da Pasaxe, entre a intersección coa avenida de Oza e o enlace coa AC-11 na Ponte Pasaxe. Esta tramitación está avanzando e prevese formalizar o cambio de titularidade no primeiro trimestre de 2023.

 

A Xunta prevé a entrega do proxecto de trazado para a súa supervisión a finais deste mes de outubro, para o seu sometemento a información pública a efectos expropiatorios e da Lei de Estradas, entre finais de novembro e a primeira quincena de decembro. O obxectivo da Xunta é acadar a súa aprobación no primeiro trimestre de 2023 e poder licitar a execución da obra de xeito paralelo á tramitación das expropiacións.

 

O Novo CHUAC é un proxecto estratéxico e prioritario para o Goberno galego xa en marcha e no que está a traballar, conxuntamente, as Consellerías de Sanidade e de Infraestruturas, ao que se destinarán máis de 500 M€ para blindar a atención sanitaria da área da Coruña nas vindeiras décadas.

 

O Goberno galego está a facer un gran esforzo por dotar a área da Coruña dun hospital de vangarda, esforzo que se verá incrementado aínda máis ao facerse cargo a Xunta tamén o incremento do prezo das expropiacións e dos accesos que debería asumir o Concello, para que o hospital conte cuns accesos acordes e axeitados a este gran equipamento sanitario.

 

A Xunta segue a traballar coa previsión de que o proxecto íntegro do Novo CHUAC e a utilidade pública dos terreos poida estar aprobado definitivamente nos primeiros meses de 2023.