A Xunta impulsa a internacionalización da literatura galega coa participación de máis dunha decena de editoriais na Feira do libro de Frankfurt

A partir de mañá e ata o 23 de outubro, o espazo institucional permitirá a realización de reunións profesionais con axentes procedentes de diversos países do mundo
 

Promoverase o traballo de editores, tradutores e ilustradores galegos e divulgaranse as últimas novidades editoriais para o público
 

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2022 

A Xunta de Galicia reforza as actividades de internacionalización do libro galego coa participación nas principais feiras de Europa e América. Así, a partir de mañá a literatura galega estará presente na Feira Internacional do Libro de Frankfurt que se celebra nesta cidade alemá ata o 23 de outubro. Trátase dun encontro profesional de referencia no que este ano participan 13 editoriais galegas e na que España é a convidada de honra, baixo o lema Creatividade desbordante.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades pon ao dispor dos profesionais galegos un expositor no que exhibirán as últimas novidades para o público e se realizarán reunións profesionais con axentes procedentes de diversos países do mundo. As editoras presentes este ano son Almacén de Fábulas, Editorial Bululú, Catro Ventos, Demo Editorial, Dos Acordes, Doutor Alverio Editora, Edicións Fervenza, Lúdica, Medulia, OQO Editora, Small Station e Teófilo Edicións.
 
No espazo institucional, de 24 m2, promoveranse tamén as últimas novidades. Estarán dispoñibles 258 títulos de diferentes editoriais e do fondo editorial da Xunta de Galicia, tamén se amosará información sobre o traballo dos profesionais galegos da tradución literaria, integrados na Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI). Tamén estará dispoñible o catálogo dos autores con obra traducida ao inglés no portal Pórtico of Galician Literature, así como información sobre os sistemas de apoio á ilustración e aos ilustradores que realiza a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).

En México en novembro

A presenza de Galicia en Frankfurt enmárcase na estratexia de internacionalización do libro e a literatura galega da Xunta que inclúe, entre as súas accións, a participación activa nas feiras nacionais e internacionais do sector editorial. Na programación deste ano tamén está prevista a participación na Feira Internacional do Libro de Guadalajara (Mexico), do 26 de novembro ao 4 de decembro, que se suma ao apoio da presenza galega que o Goberno galego realizou nas feiras de Boloña (21 a 24 de marzo), Bos Aires (26 de abril a 16 de maio) e Liber de Barcelona (5 a 7 de outubro).

O compromiso da Xunta co sector do libro tamén se artella a través de distintas liñas específicas de axudas para impulsar a dinamización da lectura nas bibliotecas municipais, adquisición de novidades editoriais e subvencións ás empresas editoriais ou tradución, que superan os 2M€.  

Imaxes relacionadas