O delegado territorial presenta AZIMUT, unha iniciativa cultural que resalta o paso do tempo en diferentes espazos arquitectónicos galegos abandonados ou en desuso

Gabriel Alén explicou que non se trata dun proxecto contemplativo, con AZIMUT téntase fusionar este pasado con diferentes artistas galegos de diversas disciplinas e intervencións nestes lugares

O delegado territorial significou que esta representación ten como obxectivos destacar o patrimonio natural de Galicia, pór en valor o patrimonio cultural, salientar o patrimonio humano e intercambio de experiencias e achegarse á cultura da innovación

O representante do Goberno galego manifestou que con iniciativas como esta impúlsanse un ano máis proxectos socioculturais que complementen a programación do Xacobeo neste 2022 implicando á cidadanía na súa celebración con propostas culturais e creativas que axuden a poñer en valor o Camiño de Santiago desde unha perspectiva multidisciplinar que abarque áreas como a arte, o audiovisual ou a gastronomía

Ourense, 18 de outubro de 2022

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presentou esta mañá AZIMUT, unha iniciativa cultural vencellada ao programa O teu Xacobeo que resalta o paso do tempo en diferentes espazos arquitectónicos galegos que, por diferentes circunstancias (industriais, relixiosas, económicas...) actualmente atópanse en abandono ou en desuso pero foron testemuñas dunha historia.

O delegado territorial explicou que non se trata dun proxecto contemplativo, con AZIMUT téntase fusionar este pasado con diferentes artistas galegos de diversas disciplinas e intervencións nestes lugares. Este programa pretende desenvolverse como un escaparate multicultural que mostre a Galicia máis plural e diversa, tradicional e moderna á vez, nunha mestura de arquitectura e interpretacións artísticas culturais galegas.

Gabriel Alén significou que esta representación ten como obxectivos destacar o patrimonio natural de Galicia, pór en valor o patrimonio cultural, salientar o patrimonio humano e intercambio de experiencias e achegarse á cultura da innovación. En definitiva -segundo o delegado territorial- a promoción de Galicia como destino turístico, a implicación da comunidade local e a unión do pasado coas novas tendencias artísticas; experiencias audiovisuais e concertos íntimos para ver en liña.

Deste xeito, con iniciativas como esta -manifestou Gabriel Alén-  impúlsanse un ano máis proxectos socioculturais que complementen a programación do Xacobeo neste 2022 implicando á cidadanía na súa celebración con propostas culturais e creativas que axuden a poñer en valor o Camiño de Santiago desde unha perspectiva multidisciplinar que abarque áreas como a arte, o audiovisual ou a gastronomía.

A través do programa O Teu Xacobeo apoiáronse 572 proxectos apoiados de 200 concellos galegos que supuxeron un investimento da Xunta de 8 millóns de euros e permitiron mobilizar case 15 millóns de euros en ámbitos como o turismo, a cultura, o deporte ou a acción social, entre outros.

AZIMUT

A forma de plasmar o proxecto é a través da creación de cápsulas dixitais en determinadas localizacións seleccionadas. Unha mestura entre ao vivo show e performance. Poema visual.

Estas cápsulas produciranse, nun principio, sen público, xa que o que se pretende mostrar é a experiencia global da historia e a interpretación dos artistas en cada lugar. Son pezas para o goce dixital, rápidas, directas e virais. A duración da cápsula de entre 5 a 15 minutos, e poderase visualizar a través das canles propias en Youtube, Instagram e Facebook.

Cápsula #01 (Artistas)

EQX

Un son experimental e de atmosferas cheas de texturas compoñen o universo de EQX.

As súas producións son unha mestura de xéneros dentro da electrónica, con ritmos acelerados que convidan ao baile e melodías cargadas de emoción.

A súa linguaxe é plural, sen barreiras, etiquetas, nin límites.

Mounqup

Electrónica pop experimental e catártica. Persoal, sen fronteiras de códigos nin estilos de música. Así podería describirse o traballo de Camille Hedouin, coñecida como Mounqup; unha creadora de música, vídeo e cantante francesa, establecida desde hai unha década en Galicia, onde é todo un referente.

Cápsula #01 (Localización)

Túnel e Fornos do Boulloso, A Pontenova (Lugo)

Nos primeiros anos do século XX, a industria do ferro axudou a activar económica, social e culturalmente toda a cunca do río Eo, significando a nivel europeo este pequeno recanto da provincia de Lugo: A Pontenova. O túnel por onde circulaban as vagonetas e as chemineas que queimaban os restos de fósforo dos materiais férricos extraídos do profundo da terra, permanecen como testemuñas daquel pasado mineiro e acollen as primeiras pezas de AZIMUT.

A próxima cápsula verémola nunha localización da provincia de Ourense.

Imaxes relacionadas